Entrevista a Ana Olveira Blanco, reelixida Presidenta de EspazoCoop

 

“É momento de fortalecer a parte interna de EspazoCoop co fin de dotarnos dunha organización máis forte para afrontar os retos que nos agardan” 

 

O pasado 14 de xuño tivo lugar a asemblea anual de EspazoCoop e nela foi escollido o novo consello reitor que estará presidido de novo por Ana Olveira Blanco. Serán 4 anos nos que continuará realizando un importante labor de defensa do cooperativismo e dos intereses das socias de EspazoCoop.

 

  • Cales son os obxectivos dos vindeiros 4 anos?

Como sabedes, EspazoCoop como organización é relativamente nova xa que se constituíu no ano 2016 mais en realidade comezou a traballar como tal no ano 2017. Desde ese momento os cambios que tiveron lugar no ecosistema de economía social galego, estatal e incluso europeo foron moitos, situándose o cooperativismo na actualidade, no centro de moitas políticas públicas. EspazoCoop estivo sempre presente e participou de todos estes cambios, algúns deles incluso linderándoos, o que significou que non se tiveran tempo para o traballo interno.

No novo consello reitor pensamos que é momento de fortalecer a parte interna da Unión co fin de dotarnos dunha organización máis forte para afrontar os retos que nos agardan.

En canto ós labores de representación, debemos seguir camiñando e consolidando os espazos nos que estamos presentes buscando esa transversabilidade institucional que reflicte a realidade empresarial do cooperativismo galego.

Por último, queremos seguir a ser a voz que defende os intereses do cooperativismo e  a transmisión das necesidades das cooperativas en institución locais, autonómicas ou estatais. EspazoCoop é das socias e polo tanto está ao seu servizo.

 

  • En que pensa que se ten que incidir máis desde a Unión?

Precisamos reforzar a participación das entidades socias, sobre todo das máis pequenas pois son estas as que poden ter unha maior dificultade á hora de participar na vida orgánica da entidade.

Nestes catro anos que enfrontamos tamén se van a caracterizar por un relevo na presidencia, os nosos estatutos obrigan a non poder repetir nos mesmos cargos no concello reitor durante máis de oito anos. O que para outras organizacións pode significar unha eiba para nós é unha oportunidade xa que por unha banda incide na corresponsabilidade de todas as socias da unión na súa dirección; e por outra obriga a eses relevos organizacionais que permiten implementar visións diferentes que enriquecen a organización.

Como xa dixen antes, outra das claves vai ser a consolidación do posicionamento da organización nos diferentes ecosistemas de economía social.

 

  • En que mudou a Unión nos derradeiros 4 anos?

Pois eu diría que moito. Foron catro anos cunha intensidade pouco usual e que nos obrigou a ter que dar resposta a retos que nin sequera plantexábamos ou formaban parte das planificacións e axendas.

A miña presidencia de EspazoCoop comeza nun acto internacional, onde Galicia mostra o seu compromiso a nivel europeo co cooperativismo e a economía social. Pero aos poucos meses vémonos no centro dunha pandemia mundial que mudaba por completo as nosas vidas e, polo tanto, as nosas relacións de traballo. Tivemos que afrontala buscando dar reposta a todas as necesidades que todas as socias de EspazoCoop necesitaban e así o tentamos facer. Foron momentos duros, con incertezas para todas e penso que a Unión foi un respaldo importante para moitas.

Neste tempo conseguimos, por primeira vez, que o cooperativismo estivese presente en todas as medidas de recuperación, foran estas de ámbito local, autonómico e estatal. E, paralelamente, seguimos acompañando procesos de constitución e consolidación de cooperativas.

 

  • Como valora a súa presidencia?

O primeiro que me gustaría destacar é que aínda que eu son a presidenta de EspazoCoop, como acontece nas cooperativas, a dirección da entidade corresponde a todo o Consello Reitor, eu só son a voz de representación dun traballo colectivo que se completa coas aportacións de toda a base social e da equipa técnica que se encarga da execución das actividades diarias da entidade.

En canto a valoración destes catro anos eu diría que, en xeral, é positiva, penso que se fixo un bo papel en momentos moi complicados. Seguramente con erros, faltaría máis, pero só erran os que fan cousas e penso, sinceiramente, que se fixeron moitas cousas que axudaron a posicionar o cooperativismo e a economía social no seu conxunto.

Unha das cousas das que estou máis orgullosa e que penso que é representativa foi o manifesto de Compostela no que Agaca e nós facíamos unha chamada de atención á sociedade e, en particular, a administracións e gobernos sobre as reclamacións do cooperativismo galego. Este acto máis alá da propia reivindicación foi das poucas veces que a maioría do cooperativismo galego falou coa mesma voz. Fomos quen de mover marcos e de romper inercias de moitos anos. Só espero que estas pequenas accións sexan quen de deixar pouso.

 

  • Que camiño lle queda por percorrer ao cooperativismo en Galicia?

Pois eu diría que todo. Creo con sinceridade que os próximos anos van ser, ou poden ser, tempos de cambio de paradigma económico e social e o cooperativismo ten que ser panca para que isto ocorra. Somos entidades que poñemos no centro ás persoas, que estamos aliñadas co desenvolvento local, social e medioambiental e, polo tanto, contribuímos a unha sociedade máis xusta e igualitaria. Eu diría que somos as fórmulas empresariais do presente e, sen dúbida, do futuro.

 

  • Hai máis interés agora por montar unha cooperativa?

Penso que se coñece cada vez máis o modelo e que, sobre todo, se pensa nesta fórmula societaria para calquera modelo de negocio.

Pero aínda nos queda camiño que percorrer e obstáculos que salvar. Este días comentando con algunhas cooperativas máis veteranas contaban como hai 40 ou 50 anos constituír unha cooperativa era pura militancia xa que o proceso de creación significaba ter que afrontar 2 ou 3 anos de trámites coa adminsitración. Isto agora xa non é así pero o noso modelo empresarial segue a contar con algunhas dificultades burocráticas en comparación con outras fórmulas de emprendemento.

Outras das vantaxes do modelo cooperativo é, como xa dixen antes, que estamos aliñados cos novos paradigmas sociais, polo que as persoas emprendedoras nos ven como un gran atractivo cando nos coñecen.

 

  • Cal ten que ser o reto do cooperativismo en Galicia?

Para min son dous: gañar dimensión e acadar a transversabilidade na representación.

Somos conscientes de que cada proxecto cooperativo ten a súa propia idiosincrasia e está ubicado e unido a un territorio concreto e isto é unha das nosas sinais de identidade. Mais é preciso que podamos afrontar proxectos cunha maior dimensión e para iso precisamos máis músculo. Ese maior tamaño pode lograrse aumentando o número de persoas socias ou através da intercooperación.

En canto á transversabilidade, o cooperativismo está presente en case todos os sectores por iso debemos ser capaces de lograr políticas de goberno que fomenten e consoliden o cooperativismo máis que as referidas a unha consellería en concreto.

 

  • Desde un punto de vista lexislativo, que reclamacións ou demandas fai ás administracións?

Sen dúbida a actualización da lei de cooperativas, precisamos unha ferramenta normativa que nos permita afrontar os retos do século XXI e isto non se pode facer cunha norma do século pasado.

 

  • Como se pode educar no cooperativismo?

Debemos facelo dende o colectivo e non dende o individualismos como se tende na actualidade. Si se educa na axenda 2030 se está a educar en cooperativismo; si se educa en traballo en equipo o mesmo; se educamos nas habilidades socias igualmente. Podemos dicir que as cooperativas somos empresas con principios, si se educa tendo en conta ese principios xa estamos educando en cooperativismo.

No ensino superior (formación profesional e universidades) sería imprescindible, ademais, que a economía social e o cooperativismos estivese presente en todos os plans de estudo.

 

  • Á hora de emprender, cales son as vantaxes do cooperativismo e a economía social?

Eu sinalaría dúas. A primeira que contamos cun ecosistema que favorece o emprendemento, en EspazoCoop acompañamos aqueles proxectos que así o demandan desde o embrión da idea ata que esta se materializa e incluso máis alá.

A segunda que en Galicia contamos cunha serie de políticas públicas que favorecen a creación deste modelo empresarial. A primeira estratexia de economía social mostrou uns resultados moi interesantes que de seguro tamén os acadará a segunda.