Imaxe: Olga Amoedo (primeira da dereita), na entrega de Premios no Día do Cooperativismo Galego
Deixounos Olga Amoedo Cabrera, despois de ter loitado duramente contra un cancro nos últimos anos. Para aqueles de vós que non a coñecíades dicirvos que falar de Olga Amoedo e a súa traxectoria é falar do nacemento, consolidación e madurez do cooperativismo de ensino en Galicia, unha persoa recoñecida, aprezada e querida na familia do cooperativismo.
No ano 1980 foi unha das fundadoras da cooperativa de ensino Claimo de Vigo (Colexio Alborada), para a elección do nome da cooperativa, cada un dos socios e socias aportou a inicial de seu propio nome, e ese “o” que aparece ao final, é a seu. Alí impartiu docencia na etapa de educación infantil ata a súa xubilación no ano 2015, ademais de exercer distintos cargos directivos.
Dentro do asociacionismo cooperativo formou parte do grupo promotor que dende mediados dos anos 80, traballou na búsqueda e posta en común entre as distintas cooperativas de ensino que foron xurdindo en Galicia durante os últimos anos, pero que estaban diseminadas por todo o territorio e sen contacto entre elas. Froito deste labor naceu no ano 1988 a Unión de Cooperativas de Ensino de Traballo Asociado de Galicia – UCETAG -, na que ela formaba parte do seu primeiro consello reitor e onde permaneceu de xeito ininterrompido ata a fusión en Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas, exercendo distintos cargos, entre eles a Presidencia da Unión entre os anos 2002 e 2012.
Tratar de enumerar os traballos e procesos nos que participou ao longo de todos este anos resulta tremendamente complicado, a constitución da Unión Española de Cooperativas de Enseñanza (1989), a Federación de Cooperativas Sinerxia (1994), a Asociación de Centros de Economía Social de Galicia (1998), o Consello Galego de Cooperativas (2002), os grupos de traballo para a elaboración do Libro Branco do Cooperativismo en Galicia (2004), ou a organización en Galicia dos Congresos Estatais da UECOE III e XV (1987 e 2012), serían posiblemente os que teñen máis repercusión pública, pero non debemos esquecer o traballo máis calado das visitas ás cooperativas socias, ás negociacións coas patronais e sindicatos do ensino concertado e á Administración Educativa na defensa dos intereses dos nosos centros de ensio cooperativos, a participación nos congresos da UECOE dende 1986 ou a xestión diaria da propia Unión.
Por último, e máis aló da enumeración de datas e actividades, salientar que Olga foi unha persoa que se gañou a todas e todos aqueles que tivemos a sorte de traballar con ela, grazas ao seu carácter colaborativo e emprendedor, pola súa capacidade de empatía e porque foi un exemplo a seguir pola súa actitude ante a adversidade.
Grazas polo teu labor, o teu talante, a túa forza, e o teu apoio incondicional Olga, e grazas por todo o que nos ensinas. Recordarémoste sempre…
“As crisálides pensaban que chegaban ao seu fin, non sabían que aínda ían a transformarse e ser fermosas bolboretas…”