Coñeces o traballo que fai Nosa Enerxía? traballan para cambiar os modelos de consumo enerxético

Nosa Enerxía é unha cooperativa de consumidoras e usuarias con 585 socias(os) e 540 contratos, nace como a primeira cooperativa galega que ten por obxecto a comercialización de enerxía eléctrica de orixe renovable certificada, apostando pola sustentabilidade enerxética e por unha xestión transparente. A longo prazo, a cooperativa tamén ten como obxectivo a promoción de proxectos de xeración de enerxía renovable de xeito distribuído, como outro dos pasos para acadar un modelo enerxético 100% renovable. O seu funcionamento está baseado no modelo cooperativo, isto significa que son unha organización participativa, aberta e xestionada de xeito democrático, onde todas as persoas cooperan para evolucionar cara a unha sociedade máis equitativa e sustentable.
En Nosa Enerxía traballan en varios ámbitos, como son:
1| A comercialización da enerxía
comercializar a enerxía eléctrica (con certificación verde) entre as fontes que proveen a enerxía e as socias e clientela da cooperativa que demanden esta enerxía.
2| A xeración enerxética
contan con varios proxectos en marcha, que apostan por modelos enerxéticos con base na enerxía procedente de fontes renovables, onde se poida tomar decisións en materia enerxética e ao mesmo tempo impúlsase o desenvolvemento sostible
3| As acións sociais e verdes
Con estas actividades buscan estimular un novo sector produtivo na economía local, beneficiar o medio ambiente e aforrar na importanción de recursos como o petróleo.

Así, por exemplo, veñen de presentar hai un días o servizo de mobilidade co coche eléctrico de Nosa Enerxía, terán opción ao mesmo as socias da cooperativa, podendo aforrar custos e apostar pola sostibilidade.

A cooperativa de enerxía forma parte tamén dun movemento máis grande, dunha rede de diversos proxectos que están polo cambio enerxético, Nosa Enerxía está na Unión Renovables que asocia 17 cooperativas enerxéticas que agrupan a máis de 25.000 persoas socias destas cooperativas. www.unionrenovables.coop/

 

Sabes que diversas cooperativas asociadas a EspazoCoop xa mudaron o seu subministro eléctrico para fontes de enerxía renovable con Nosa Enerxía?

Semella que apostar por iniciativas así e facer este cambio dota de coherencia e se aliñea cos modelos cooperativos. Empregar as enerxías renovables e non contaminantes significa tamén que se está a practicar a compra responsable, e esta é unha reflexión que xa fixeron algunhas socias de EspazoCoop, outras cooperativas e tamén a propia Unión.

Nosa Enerxía informounos das cooperativas que xa forman parte deste proxecto de consumo:

Bico de Grao S. Coop. Galega

Cousas da Terra S. Coop. Galega

Itaca Software S. Coop. Galega

Aldeacoop S. Coop. Galega

Encomún Proxectos S. Coop. Galega

Cidadanía S. Coop. Galega

Sacauntos S. Coop. Galega

Árbore S. Coop. Galega

7H S. Coop. Galega

Pegadas S. Coop. Galega

Cal3 S. Coop. Galega

Algalia S. Coop. Galega

Cestola na Cachola S. Coop. Galega

Panxea S. Coop. Galega

Xegalia S. Coop. Galega

A proposta que nos brinda NOSA ENERXÍA ten múltiples valores, como é un novo modelo de xestión da enerxía, fomento da economía local, aposta polas enerxías renovables, a transparencia, ou a xestión democrática. Para promocionar e facilitar o acceso á información do proxecto contan con Puntos de Información repartidos pola comunidade ubicados nas sedes de organizacións ‘amigas’ e socias, en Vigo, Monforte de Lemos, Ourense, A Coruña, Pontevedra, Lugo, Santiago de Compostela, Rianxo …

Se queres contactar ou saber máis visita a súa web.