Como cada ano, o primeiro sábado do mes de xullo conmemorouse o Día do Cooperativismo. Desta volta, o sábado 7 de xullo, celebrouse en Santiago, como colofón ao Encontro Internacional do Cooperativismo que se viña desenvolvendo dende o día 5 de xullo.
O acto celebrouse no Pazo de Congresos da capital galega e incluíu diversas actividades organizadas co dobre obxectivo de favorecer as relacións entre as persoas que forman parte do movemento cooperativo galego e divulgar a importancia desta fórmula empresarial no tecido económico galego.
Coa asistencia de 500 cooperativistas das catro provincias galegas, no evento entregaronse os Premios á Cooperación 2012, Nesta edición resultaron premiadas varias cooperativas de traballo asociado, socias de UGACOTA:
Premio aos valores cooperativos, para aquela cooperativa, entidade ou persoa que máis teña destacado no impulso dos valores cooperativos:
• Sonaxe, Sociedade Cooperativa Galega
Premio ao mellor proxecto cooperativo para o proxecto empresarial cooperativo de especial relevancia. (premio compartido)
• Máis Galicia, Sociedade Cooperativa Galega
• Nova Aseconia, Sociedade Cooperativa Galega
Igualmente se entregaron neste día os premios do certame “Cooperativismo no Ensino”, dirixidos a difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e formación profesional de Galicia, potenciando e propiciando os valores e principios que o inspiran, tales como: a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva ou a solución de conflitos de forma pactada. A xornada rematarou cos tradicionais xogos cooperativos.
Na páxina do Consello Galego de Cooperativas publicaranse fotografías e vídeos do evento.