A Unión de Cooperativas Galegas Espazocoop presenta na Coruña a Axenda do Sector TIC da economía social na Eurorrexión

O documento, que se fará público o vindeiro 7 de novembro no marco da programación da Mostra de Iniciativas de Economía Social POP-UP, recolle medidas para o fomento e consolidación de empresas de economía social nunha área produtiva emerxente en Galicia e o Norte de Portugal.

O Mercado de San Agustín da Coruña acolle o próximo 7 de novembro o seminario de presentación da axenda sectorial das tecnoloxías da información e a comunicación elaborada pola Unión de Cooperativas Galegas Espazocoop co fin de recompilar obxectivos e accións estratéxicas para o estímulo da creación e o fortalecemento de empresas de economía social deste sector no espazo transfronteirizo.
O documento, que se presentará no marco das actividades da Mostra de Iniciativas de Economía Social POP-UP, parte dunha diagnose do panorama empresarial a ambas beiras do Miño para amosar as potencialidades da economía social fronte ás necesidades do emprendemento tecnolóxico, un eido en plena transformación no que aínda está infrarrepresentada. Para reverter a situación e favorecer o salto de escala das entidades de economía social, a axenda propón distintos mecanismos destinados a identificar oportunidades de negocio asociadas ás TIC e a industria 4.0 e a impulsar a modernización e competitividade das empresas galegas e portuguesas do sector.

Programa do seminario

O seminario, que se desenvolverá ao abeiro da primeira xornada do POP-UP, tamén impulsado por Espazocoop, comezará ás 11:00h da mañá coas palabras de benvida e presentación do Proxecto LACES como unha oportunidade de negocio en Galicia e o Norte de Portugal por parte de representantes da Subdirección Xeral de Economía Social da Xunta de Galicia, Espazocoop, a Universidade Trás-Os-Montes e Alto Douro (UTAD) e o Centro de Incubação de Base Tecnológica do Minho (In.Cubo).

Seguidamente, ás 11:15h, terá lugar a presentación da Axenda para o fomento e a creación de empresas de Economía Social no sector das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TICs) da man de Ana Olveira, presidenta de Espazocoop.

A continuación, ás 11:35h, Patricia António, da UTAD, exporá o contido da Axenda para o fomento e a creación de empresas de Economía Social no sector do Turismo; e ás 11:55h, Fernando Cabodeira, consultor de In.Cubo, fará o propio coa Axenda para o fomento e a creación de empresas de Economía Social no sector dos Servizos Sociais.
Trala pausa para o café, ás 12:45h arrancará a mesa sectorial de experiencias de economía social “Outros modos de facer economía”, na que participarán Asier Epelde, de Ítaca Software Libre S. Coop. Galega, por parte do sector das TIC; Xerardo Pereiro, do proxecto GEOARPAD, en representación do sector turístico; e Antía Pousa, de Xeracción S. Coop. Galega, entidade do sector dos servizos sociais. Ao final das intervencións, abrirase un pequeno coloquio coas persoas asistentes á palestra coa que se pechará a xornada.

Preme na imaxe para ver o programa:

Tríptico aquí

Inscrición

Acceso libre e gratuíto, previa inscrición. Formulario aquí

 

Proxecto LACES
As axendas, que foron presentadas previamente na localidade portuguesa de Vila Real o pasado 17 de outubro a excepción da referida aos servizos sociais, forman parte dos Laboratorios para a Identificación de Oportunidades de Negocio do proxecto LACES, cuxo fin último é contribuír ao fomento e consolidación da economía social na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Este proxecto, co-financiado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no ámbito do programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, procura proporcionar ás empresas da economía social do espazo transfronteirizo un salto cuantitativo na súa capacidade de xerar e consolidar emprego a través da execución de programas piloto para a competitividade.