A Unión de Cooperativas Espazocoop presentou en Vila Real a axenda do sector TIC da economía social na Eurorrexión

Daniel Diéguez, representando á entidade, subliñou a pertinencia das accións propostas no documento para a competitividade do sector nun contexto de “cambio de paradigma”

A Unión de Cooperativas Galegas Espazocoop presentou o pasado xoves 17 de outubro a axenda sectorial das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) de economía social de Galicia e o Norte de Portugal na localidade lusa de Vila Real. O documento, exposto por Daniel Diéguez en representación da Unión no seminario “Para chegar ao reino da economía social”, recompila obxectivos e accións estratéxicas para o estímulo da creación e o fortalecemento de empresas de economía social das TIC e da industria 4.0 nun contexto de “cambio de paradigma”.

Segundo Diéguez, o proceso de transición desde o“modelo triangular” do capitalismo convencional cara un “modelo circular, máis colaborativo e creativo” que está a experimentar o sector require do establecemento de mecanismos que permitan tanto identificar oportunidades de negocio asociadas ao sector TIC, no que a economía social está aínda infrarrepresentada, coma que posibiliten a modernización das empresas galegas e portuguesas neste eido.

“En Galicia e no interior de Portugal estamos a pensar en como recuperar o pasado mentres que na zona de Porto están a pensar en como deseñar o futuro”, advertiu. Nese senso Diéguez destacou que os obxectivos estratéxicos contidos no Plan Director da axenda sectorial son claves para a creación de novas empresas de economía social no sector TIC e para que as existentes no conxunto do territorio da Eurorrexión se adapten á nova situación de mudanza nunha posición competitiva.

Entre as accións prioritarias para favorecer o salto de escala das entidades de economía social, o socio da cooperativa Apoio subliñou a divulgación das oportunidades xeradas polas TIC para a xestión comunicacional e comercial así como para a profesionalización e internacionalización das organizacións; o impulso da dixitalización mediante a mellora no acceso a fontes de financiamento e a capacitación para impulsar o posicionamento competitivo; o estímulo do emprendemento baseado na innovación, especialmente a través da xeración de redes colaborativas, e o fortalecemento do sector TIC a través da captación de talento.

O documento, elaborado coa participación de entidades de economía social pertencentes ao sector TIC , presentarase en Galicia o vindeiro 7 de novembro no Mercado de San Agustín da Coruña no marco da programación da Mostra de Iniciativas de Economía Social POP-UP.

Experiencias referencias no sector TIC

O seminario, no que tamén se fixeron públicos os resultados da axenda do sector turístico para o espazo transfronteirizo elaborada pola Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), reuniu a distintas experiencias referencias no uso de boas prácticas no sector TIC.

Chema Arnaiz, da cooperativa TRIWUS, destacou o traballo colaborativo da cooperativa galega de deseño e desenvolvemento web desde a súa creación en 2014 como exemplo de que ás necesidades que presenta o emprendemento tecnolóxico se lles pode dar resposta dende a economía social. “Non entenderíamos o noso traballo sen a colaboración, traballando de xeito illado ou cada un individualmente” destacou.

No referente ás posibilidades que ofrece a integración da innovación tecnolóxica no sector turístico, Xerardo Pereira relatou a experiencia do proxecto Dourotur, no que o marketing dixital e as plataformas interactivas empréganse como ferramentas para potenciar o desenvolvemento do turismo no Douro, e do proxecto GEO-ARPAD, destinado ao estudo e divulgación do patrimonio material e inmaterial de Galicia e Norte de Portugal a través dunha plataforma dixital destinada a “transferir coñecemento á comunidade local, institucións, técnicos e turistas”.

Finalmente, Maria João Macedo, expuxo o caso da iniciativa Mapa USE-IT, de Coimbra, parte dunha rede europea que distribúe mapas, tanto impresos coma a través dunha app, elaborados pola poboación local, de xeito colaborativo e desde unha perspectiva baseada na experiencia cotiá, en distintas cidades de Europa.

Tanto a xornada, que se completou cunha visita polas rúas da cidade histórica de Vila Real, como as axendas, insírense nos Laboratorios para a Identificación de Oportunidades de Negocio do proxecto LACES, cuxo fin último é contribuír ao fomento e consolidación da economía social na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Este proxecto, co-financiado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no ámbito do programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020, procura proporcionar ás empresas da economía social do espazo transfronteirizo un salto cuantitativo na súa capacidade de xerar e consolidar emprego a través da execución de programas piloto para a competitividade.

Programa da xornada organizada pola UTAD ‘Para chegar ao reino da economía social’: presentación das axendas sectoriais Tic e Cultura: preme aquí. No marco do Proxecto europeo Laces.

Reportaxe de fotos: Matteo Bertolino [7H Cooperativa Cultural]

O pase de diapositivas require JavaScript.