A economía social amosará no Culturgal a pegada que deixa no territorio
O stand, no que participan 20 entidades, demostrará a importancia do papel deste modelo empresarial no desenvolvemento social e medioambiental.
A 18º Feira das Culturas Galegas (Culturgal) acollerá, un ano máis, o Stand do sector cultural profesional da economía social de Galicia. Entre os días 28 e 30 de novembro, quen se achegue ao Pazo da Cultura de Pontevedra poderá visitar o posto promovido pola Secretaría Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e descubrir a diversidade de entidades que o conforman.
Nesta edición estarán presentes 20 empresas -18 cooperativas e 2 sociedades laborais- que amosarán a cidadanía, administracións, empresas, programadoras e técnicas culturais a pluralidade e riqueza dos proxectos, produtos e servizos culturais que deseñan e ofertan.
A idea ao redor da que xirará o espazo será a pegada que deixa a economía social na sociedade e nas distintas capas do entorno onde se desenvolven as súas iniciativas. Así, o stand preséntase como unha cabana de avistamento da fauna, conformándose cada entidade como unha especie animal. Estes seres vivos, para a supervivencia propia e do ecosistema, manteñen relacións de interdependencia e cooperación entre si e xunto a outras especies, resaltando deste xeito a intercooperación coma un dos valores diferenciais que caracteriza a Economía Social.
A proposta, ideada por 7h cooperativa cultural contou coa colaboración da artista e ilustradora Ángeles Díaz Seoane, responsable do debuxo -tanto do stand, como do material promocional- e da intervención do mobiliario. As persoas que se acheguen ao posto nº3 converteranse en naturalistas, pois o propio stand funcionará como photocall de exploración e estudo. Unha vez equipadas con prismáticos, lentes e outros materiais científicos, non só descubrirán as entidades a través de distintas fichas científicas, senón que poderán buscar as pegadas que cooperativas e sociedades laborais van deixando ao longo da feira. Ademais, a modo de xincana, as visitantes seguirán e identificarán as pegadas da economía social que se atoparán espalladas en distintos stands da Economía Social presentes no Culturgal.
O espazo de economía social tamén ofrecerá unha serie de actividades que van desde os encontros profesionais e de intercooperación, á presentación dos produtos e servizos que as entidades ofertan para todo tipo de públicos.
A continuación desglósase a programación.
PROGRAMACIÓN NO STAND DA ECONOMÍA SOCIAL
venres 28
- 11.30-12.00h Visita ao stand das representantes de EspazoCoop, Coceta, e outras asociacións de cooperativas e público de diversos territorios (Valencia, Andalucía, Cataluña, Madrid e Galicia) con motivo do Ano Internacional das Cooperativas 2025 e a celebración das Xornadas SOMOS CULTURA, SOMOS COOP.
- 12.30-14.00h Encontro de intercooperación cultural. Xuntanza de intercooperación entre as entidades presentes no stand, e outras cooperativas e entidades de economía social vinculadas ao sector.
- 17.00-19.00h Encontros coa Economía Social de Galicia. Reunións comerciais entre as entidades do stand e outras programadoras, técnicas ou promotoras do sector cultural. Estes encontros serán espazos breves, nos que cada entidade presentará un proxecto ou servizo a distintos interlocutores.
- 19.00-19.30h. Petiscos de maxia, a cargo da cooperativa Magia en la Manga. Convidamos ao público a presenciar unha selección de trucos que sorprenderán por igual a crianzas e adultas. A súa maxia visual, participativa e sorprendente logrará que quen se achegue a estes petiscos queden con ganas de converterse en magos e magas.
sábado 29
-
11.00-12.00h. Encontros coa Economía Social de Galicia e visita da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais. Reunións breves entre as entidades do stand e outras programadoras, técnicas ou promotoras do sector.
-
12.00-14.00h. Ideación de proxectos compartidos. Un encontro de intercooperación entre as entidades participantes no stand co fin de coñecerse mellor e tecer alianzas máis sólidas.
-
17.30-18.00h. Contada do libro infantil Lola Feroz, publicado por Cuarto de Inverno. A cargo de Juan Baquero, autor.
-
18.30-19.00h. Presentación das novas distribucións da cooperativa Miudiño, a cargo de Judit Santos en colaboración con Inma Soto e 13 Grados Cooperativa.
domingo 30
-
12.00-12.30h. Presentación dos puzzles Os nosos mares, a cargo de Diego García de Miudiño e Clara Cerviño, ilustradora.
-
12.30-14.00h Imprenta en vivo. Da man da cooperativa Manchea achegarémonos aos segredos das artes gráficas arredor dunha imprenta tipográfica.
-
17.30-18.00h. Presentación da nova xoguetería da cooperativa Miudiño, a cargo de Silvia Freiría.
Leave A Comment