A Deputación da Coruña e EspazoCoop asinan un convenio para fomentar o cooperativismo e a economía social
Ambas as dúas entidades asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de impulsar e visibilizar o traballo das cooperativas
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2022.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, a presidenta da Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop, Ana Olveira, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, asinaron hoxe un convenio de colaboración co obxectivo de fomentar o traballo e función das cooperativas, ademais de promover a economía social.
Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña, destacou a importancia da economía social para a creación de emprego en Galicia e explicou que o acordo está enmarcado na colaboración que as dúas entidades están a desenvolver nos últimos anos para impulsar o traballo que fan as cooperativas da provincia da Coruña.
Segundo Ana Olveira, Presidenta da Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop, “queremos agradecer a súa colaboración á Deputación da Coruña xa que son varios anos nos que vimos colaborando en prol da economía social. A Coruña ten un tecido socioeconómico cooperativo moi importante, cunha gran presenza na actividade económica da provincia e queremos pór en valor o seu traballo”.
Obxectivos do convenio de colaboración
Os principais obxectivos deste convenio de colaboración son divulgar e difundir as posibilidades que ofrecen as fórmulas de economía social, nomeadamente o cooperativismo, para a xeración de emprego, ademais de xerar novos postos de traballo de calidade vencellados á economía social e máis concretamente ao cooperativismo, explorando as posibilidades que ofrecen as novas liñas e sectores de actividade. Tamén se busca garantir a reactivación e supervivencia da actividade e mantemento de emprego das pequenas cooperativas da provincia da Coruña, servindo de apoio ás entidades locais para o fomento do tecido económico e empresarial.
Coincidindo con que neste ano Santiago de Compostela é a capital española da economía social e no marco deste convenio, celebraranse diferentes actividades co obxectivo de visibilizar o modelo cooperativo como fórmula de emprendemento laboral e de xeración e creación de riqueza. Entre elas estarán os Encontros de visibilización e intercooperación entre o cooperativismo, estatal e galego, e deste coa Deputación da Coruña, aproveitando a celebración na Coruña dun Consello Reitor da Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (COCETA) no mes de novembro.
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxetivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperavismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.