En Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas facémonos eco con ledicia e orgullo, do Premio que recibiu a cooperativa NUMAX nos Premios da Cultura Galega 2016 a tarde do 23 de xaneiro na categoría de Audiovisual.
Este recoñecemento ao seu proxecto é unha boa nova en moitos sentidos, por suposto no labor e esforzo que desenvolven no campo cultural, pero tamén, polo que ten de posta en valor e visibilización dos modelos e sistemas cooperativos e de economía social para impulsar, organizar e levar adiante proxectos como NUMAX, que xa acadaron en 2015 o Premio ao Mellor Proxecto Cooperativo. Moitos parabéns NUMAX!
O socio traballador e responsábel do Cinema NUMAX Ramiro Ledo destacou na súa intervención «o sobreesforzo produto da ilusión compartida para sacar adiante o proxecto» e agradeceu o apoio de avalistas, abonadas, cooperativas e visitantes. Ramiro agradeceu este galardón ás 182 persoas avalistas, ao milleiro de abonadas, ao tecido de cooperativas «que nos acompañan no camiño e ás persoas que nos visitan cada día».
Ledo lembrou no seu discurso as palabras que o cineasta portugués Pedro Costa deixou ditas na aula que impartiu en NUMAX: «quen máis fala de diñeiro é quen non sabe ou, como diría tamén o filósofo Jacques Rancière, moi querido ao propio Costa: aprendemos do non saber, quizais por iso o que máis escoitamos estes anos foi a ladaíña de Mark Twain: fixérono porque non sabían que era imposíbel».
Explicou que o último filme do cineasta galego Oliver Laxe, Mimosas, estreado con NUMAX Distribución o pasado día de Reis e xa presente en trinta salas de todo o Estado, vai camiño dos 10.000 espectadores, cifra que «nin as análises máis optimistas lle facía prever a ninguén para un filme galego producido na Coruña, en versión orixinal árabe». O responsábel da distribuidora dixo tamén que os «resultados óptimos responden ao sobresforzo produto da ilusión compartida que nos levou a sacar adiante este proxecto».
Na súa intervención, Ledo animou á administración galega a «aplicar as normativas europeas que recomendan priorizar as empresas de economía social na contratación pública e máis o desenvolvemento dunha lei estatal do cinema que lle cede estas competencias ás Autonomías». Este paso permitirá «que o que conseguimos armar en tres anos desde un terreo ermo, porque as librarías pechaban, non había cinemas no centro da cidade, non hai planos para que os escolares asistan ás salas, creamos a única distribuídora de cinema de autor galega que traballa en todo o Estado poida manterse estábel, consolidarse, permitir que outros proxectos prendan e continuar a desviar a mirada do cinema de autor contemporáneo cara a Galiza».
NUMAX, Sociedade Cooperativa Galega é un proxecto laboral perfilado en 2013 que abriu en marzo de 2015 «coa idea de facer xuntas o que acostumábamos facer por separado». Hoxe o proxecto está conformado por sete persoas socias, unha colaboradora e dúas asalariadas. Esta libraría, laboratorio de gráfica, vídeo e comunicación e distribuidora de filmes é tamén a primeira sala de cinema en Galiza que forma parte da rede internacional Europa Cinemas e a única galega que só traballa en versión orixinal, combinando filmes de estrea, de repertorio e de vangarda. Durante os seus case dous anos de vida pasaron polo Cinema NUMAX máis de 60.000 persoas.
Fonte e imaxe: web de NUMAX