Desde 7H Cooperativa Cultural convídannos a participar na celebración da memoria e traxectoria dunha das figuras imprescindibles do feminismo galego, Begoña Caamaño, que terá lugar este domingo 13 de outubro en Santiago de Compostela. A partir das 12 da mañá, no parque do barrio das Fontiñas que leva o nome da xornalista e escritora viguesa, realizaremos un encontro poético-artístico de inspiración cruzada entre poetas, ilustradoras e muralistas aberto á experimentación creativa de toda a veciñanza compostelá.

Embegonhadas: Mulherenagem a Begoña Caamaño

Organizada pola área de Igualdade da Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago, co impulso de 7H Cooperativa Cultural e Implicadas no Desenvolvemento, a xornada formúlase como unha mullerenaxe ao activismo político e cultural en prol da igualdade desenvolta pola xornalista e escritora viguesa a partir do diálogo creativo entre a súa narrativa e a relectura das súas obras por parte de artistas da palabra e a ilustración.

Baseándose nas novelas Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), as poetas Ana Romaní, Andrea Nunes, Belén Senín, Lara Rozados, Marga do Val, María Rosendo, Míriam Ferradáns, Susana S. Arins e Xiana Arias compoñerán e recitarán versos nunha lectura pública e aberta. As súas composicións servirán de inspiración para que as artistas Axóuxeres e Chisqueiros, Cata Ukelele, Eva Agra, Iria Prol, María Lapido, Miss Hope, Rebeca Mariño, Vanessa Morais e Xoana Almar plasmen creativamente as sensacións suscitadas nunhas casiñas de paxaro, unha ave de especial simbolismo na obra literaria de Caamaño ao ser o encargado de carrexar as cartas que se envían Penélope e Circe, mulleres tamén claves na mirada feminista do universo creativo da novelista.

Logo de seren intervidas artisticamente, as casiñas penduraranse das pólas das árbores do Parque Begoña Caamaño, situado no barrio compostelá das Fontiñas e onde se desenvolverán todas as actividades (en caso de choiva a xornada realizarase no Centro Cívico do Romaño).

Programa de actividades

A xornada, que terá lugar no día previo ao que sería o 55 aniversario da feminista e activista viguesa, desenvolverase a partir das 12h da mañá cunha programación con actividades de lecer para todas as idades: ás asistentes á xornada poderá participar de balde nun obradoiro de creación literaria, impartido por Susana S. Arins e nun laboratorio de introdución á arte urbana, a cargo de 7H Cooperativa Cultural. Haberá un espazo para a conciliación, desenvolto por Gaia Ecocrianza e, como peche da xornada, gozaremos dun concerto da cantante, música e compositora Su Garrido.  Ademais, a Libraría de Mulleres Lila de Lilith e a Libraría Chan da Pólvora realizarán un fanzine sobre as experiencias vividas durante o encontro.

Coa programación desta mullerenaxe, desde 7H Cooperativa Cultural e Implicadas no Desenvolvemento queren realizar o seu particular recoñecemento ao activismo e carreira profesional de Begoña Caamaño, quen dá nome ao Premio á Acción Cultural pola Igualdade de Xénero creado pola Deputación da Coruña para recoñecer as iniciativas e persoas que promoven socialmente a igualdade desde o campo da cultura. Coincidindo coa concesión ao Observatorio da Mariña pola Igualdade da terceira edición do galardón, do que 7H e Implicadas resultaron gañadoras o pasado ano, aproveitan tamén para converter o festexo nunha oportunidade para seguir tecendo redes e xerando sinerxías transformadoras.

Cronograma de actividades

12h. Presentación da xornada

12:30h. Recital poético

14h. Xantar popular

16:30h. Creación artística

17:30h. Obradoiros

19h. Concerto de Su Garrido e peche