24 cooperativas beneficiáronse do Programa de Asesoramento de EspazoCoop apoiado pola Rede Eusumo no último ano

 

O programa de asesoramento de Espazocoop executado no último ano, co apoio da Rede Eusumo-Xunta de Galicia, chegou a 24 cooperativas socias da Unión de Cooperativas.

O programa está destinado tanto a grupos de persoas emprendedoras que queren formar unha cooperativa, como a cooperativas en funcionamento que buscan consolidarse e mellorar, os servizos préstanse sen custo para as usuarias participantes.

A través deste programa préstanse servizos de apoio á cidadanía para crear empresas cooperativas e acceder con elo ao emprego, mediante a fórmula do autoemprego colectivo, e préstanse tamén servizos de impulso empresarial e consolidación para cooperativas xa creadas.

Este programa levouse a cabo entre outubro de 2022 e outubro de 2023 e o seu resultado foi de 24 cooperativas usuarias, 11 grupos de emprendemento con 11 cooperativas creadas, e 13 cooperativas participantes en distintos procesos de mellora e consolidación.

Programa de Asesoramento de EspazoCoop

No tocante á liña de emprendemento cooperativo deste programa, o mesmo desenvólvese mediante orientación, información, asesoramento, e o acompañamento especializado aos colectivos de persoas que queren emprender, para facer das súas ideas de negocio e actividades profesionais, proxectos cooperativos viables, económica e societariamente.

Os servizos e os procesos de atención a usurias realizados desde a Unión de Cooperativas, son reflexivos e participados, e pasan por distintas etapas antes da constitución da cooperativa, dependendo do grao de maduración do grupo emprendedor e do proxecto, polo que deseña un itinerario personalizado, a medida das necesidades.

No tocante á liña de mellora e consolidación cooperativa con cooperativas xa constituídas, acompáñase ás socias das cooperativas para que poidan asumir con garantías o seu papel de xestión e goberno, facilítase a reflexión e a análise, achéganse recursos e ferramentas de xestión, planificación e boas prácticas de cara á súa consolidación naquelas áreas de máis prioridade ou as demandadas pola cooperativa.

*Para demandar o Programa de Asesoramento de EspazoCoop contacta coa Unión de Cooperativas no teléfono 981 575578, no email info@espazo.coop, ou nos distintos centros en A Coruña, Santiago e Vigo preme aquí

*O programa de Asesoramento enmárcase na programación 2023 da REDE EUSUMO, da que EspazoCoop fai parte, e que depende da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, contado co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España.