Coop57 Galicia, sección territorial de Coop57 ScoopCL, é un instrumento para prestar servizos financeiros, éticos e solidarios.

As Asociacións de Cooperativas son socias de servizos da sección galega de Coop57, e participan de forma activa na actividade da mesma e da Cooperativa.

Presentamos datos do último balance realizado, sobre a actividade do cuarto trimestre do pasado ano (outubro-decembro 2015):

Socias/os colaboradoras/es: no período que abrangue este boletín, producíronse duas novas altas de socias colaboradoras e o mesmo remata cun total de 139.

Socias de servizos: Neste período non se produciron novas altas deste tipo de socias. A sección territorial suma un total de 36 socias de servizos.

Operacións de empréstito : Neste período non se aprobaron novos empréstitos. Eso si, amortizouse un dos aprobados en anos anteriores.

Coop57 Galicia, ten aprobado un total de 48 préstamos desde a súa constitución en 2009, por un importe total de 1.489.120 €. Do total de empréstitos aprobados fican por amortizar un total de 13 cun saldo vivo de 598.420,00 €.

Actividade divulgadora: Alén da actividade realizada a través da programación das asociacións de cooperativas, compre destacar a participación no Foro Colaborativo de Emprego – Foco, promovido polo Concello de Compostela; nunha mesa de iniciativas autoxestionadas de finanzas éticas organizada polo círculo de Sanxexo de Podemos e no foro C2C organizado por REAS en Zaragoza, para a aprendizaxe e intercambio de procesos e ferramentas de promoción de iniciativas de economía social e solidaria.

Órganos sociais: Destacar a actividade do Consello Sección vinculada ao debate e propostas do plan de traballo da Cooperativa e a Fundación para 2016; o seguimento da actividade de determinadas socias de servizos beneficiarias dun empréstito de Coop57, complementada coa información económico-financeira do resto das socias de servizos da Sección Territorial.

Por último lembrar que, Sinerxia desenvolve a Secretaría técnica da sección territorial, e hai unha implicación das Asociacións na Comisión Técnica (Ucetag), e na representación da sección galega perante terceiros e nos órganos sociais da Cooperativa, a través do Consello de Sección (Ugacota – Sinerxia).

+ Info: galicia@coop57.coop www.coop57.coop/gl/galiza