Campaña de doazóns para Costurearte S. Coop. Galega
Por fin!!!
Xa levamos anos na sección territorial de COOP57 Galiza co desexo de poder implementar un proxecto ao que a Fundación Coop57 poda apoiar. Logo dos procesos previos de análise, concertación, deseño de campaña e tantos outros, podemos hoxe abrir unha campaña de captación de fondos para un proxecto cooperativo.
A Fundación Coop57 é unha ferramenta complementaria á tarefa da Coop57 que, desde os mesmos piares e unha perspectiva postcapitalista, feminista, ecoloxista e antirracista, dá resposta a novas necesidades sociais e financeiras da economía social e solidaria que requiren instrumentos financeiros diferentes aos que ofrece a cooperativa. Ao mesmo tempo, articula mecanismos de recollida, provisión e dotación de recursos económicos para destinar a distintos proxectos.
O proxecto que queremos apoiar é o de Costurearte, que nace do encontro de tres mulleres extraordinarias —Juana, Diana e Rosalía— que decidiron non esperar a que outros lles desen oportunidades para crealas por elas mesmas, en relación coa comunidade que as rodea. Tres procesos de migración transnacional que se entrelazan como fíos nun tecido, formando algo máis forte e fermoso que a suma das súas partes individuais.
CostureArte S. Coop. Galega é máis que unha cooperativa; é un proxecto de vida colectivo que naceu nas aulas do curso de Costura Creativa da Asociación Arraianas, que contou co apoio de EspazoCoop na definición dos estatutos cooperativos, coa de 50pés S. Coop. Galega (concertado coa Escuela de Emprendoras Juana Millán), e por descontado coa propia Coop57 GZ.
Apoiemos un proxecto cooperativo para un mundo máis xusto e sustentable
Desde a Fundación Coop57 impulsamos unha campaña que aposta por apoiar o lanzamento e constitución dun proxecto cooperativo liderado por tres mulleres racializadas.
CostureArte é moito máis ca un proxecto empresarial; é un movemento social que necesita do teu apoio para crecer e multiplicar o seu impacto. Cada euro investido, cada peza encargada, cada recomendación compartida é un voto por un mundo máis xusto e sustentable.
Participa na campaña de doazóns da Fundación Coop57 e apoia este proxecto!
TODA A INFORMACIÓN DA CAMPAÑA AQUÍ
Leave A Comment