UDC TALENTO > EspazoCoop participará na I Feira de emprendemento e emprego da UDC

O evento no que colabora e participa EspazoCoop, organizado pola Vicerreitoría de Estudantes e Empregabilidade co apoio da Consellaría de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, contará con case 50 empresas e entidades participantes, co obxectivo de impulsar o emprego e o emprendemento do estudantado e persoas egresadas da Universidade da Coruña conectando o talento novo co tecido empresarial. A cita será o día 29 de outubro no Pavillón de Deportes do Campus de Elviña, na Coruña, das 10 ás 18 horas.

UDC Talento é unha feira que acolle a empresas do ámbito tecnolóxico, da consultaría e da enxeñaría, así como das finanzas, o dereito, os servizos empresariais, a industria, a enerxía, a construción, o comercio, o consumo, a sanidade, a educación e as administracións públicas. Cada empresa contará cunha caseta onde presentará os seus proxectos e realizará actividades de selección.

O evento estrutúrase en varios espazos, e a Unión de Cooperativas EspazoCoop terá presenza de 14 a 18 h en EMPRENDE-T :

ACTIVA-T: unha zona dedicada ao emprendemento, o emprego e a innovación, con mostras e premios de iniciativas emprendedoras, mesas redondas, recursos institucionais, oportunidades laborais e formación práctica orientada á mellora da empregabilidade

EMPRENDE-T: un espazo para establecer un encontro con persoas emprendedoras de seis entidades de referencia para o desenvolvemento e o fomento do emprendemento, e que compartirán experiencias e consellos para poñer en marcha novas ideas e superar o medo a emprender.

COÑECE-T: unha zona con entrevistas e dinámicas de selección ao estudantado realizadas por algunhas das empresas participantes.

Durante a xornada entregaranse premios ao talento emprendedor universitario.

Tamén haberá presentacións cada dúas horas nas propias casetas das empresas, sorteos, emisións en directo, un photocall e un Muro das Ideas para propoñer melloras ou novos proxectos.

O obxectivo é facilitar o contacto directo entre a comunidade universitaria e o tecido empresarial, xerando oportunidades reais de futuro laboral.

+ Información NESTE ENLACE 

Programa aquí