Talento Cooperativo: o programa de bolsas en cooperativas lanzará a edición 2025 a finais de maio

A Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop lanzará a finais de maio a próxima convocatoria do programa TALENTO COOPERATIVO, un recurso para consolidar cooperativas e contribuír á mellora do funcionamento de entidades de economía social.

Talento Cooperativo presta apoio ás entidades facilitando recursos humanos formados en xestión empresarial, con coñecementos específicos sobre cooperativas e outras fórmulas da economía social de cara a fortalecer a xestión empresarial e a función xerencial das organizacións. O programa ofrece en cada edición varias bolsas en cooperativas, para desenvolver o programa e acadar os resultados e o crecemento cooperativo buscado.

A última edición do programa acaba de finalizar os seus traballos nas cooperativas Miudiño S. Coop. Galega, A Talangreira do Beque S. Coop. Galega, Cofepa S. Coop. Galega e Simbiosis S. Coop. Galega, mais EspazoCoop xa está preparando a vindeira convocatoria 2025 que se poderá realizar grazas ao apoio financeiro dos programas da Rede Eusumo e de ES-Factory.  Para esta preparación EspazoCoop ten aberta unha consulta ás súas cooperativas asociadas ata o vindeiro 27 de maio de 2025 para detectar necesidades na xestión empresarial. Enquisa de necesidades neste enlace

A consulta permitirá mellorar o deseño e a selección do programa, polo que animamos a participar nela.

Reserva a data! Encontro o 19 de xuño

Talento Cooperativo tamén celebrará, como parte do programa, un encontro o 19 de xuño en Santiago de Compostela para abordar a traxectoria e resultados do programa ata agora, e informar sobre a edición 2025 (obxectivos, condicións, requisitos, fases, períodos, entre outros).

Calendario de lanzamento de Talento Cooperativo 2025

Como avance, o calendario de lanzamento de Talento Cooperativo 2025 é o seguinte:

  • Consulta ás cooperatias socias, detección de necesidades | Ata 27 de maio
  • Inscrición de cooperativas ao programa Talento Cooperativo | Do 30 de maio ao 13 de xuño
  • Encontro do programa Talento Cooperativo | 19 de xuño en Santiago
  • Inscrición de persoas candidatas a bolseiras | Do 1 de xullo a 31 de agosto
  • Formación das candidatas bolseiras pre-seleccionadas | 16 e 18 de setembro
  • Inicio das estadías nas cooperativas! | 1 de outubro
Lembrar que as destinatarias de Talento Cooperativo, os grupos obxectivos que se beneficiarán deste programa serán:
  • Cooperativas e entidades de economía social con necesidades de perfís profesionais en postos de xerencia e dirección.
  • Persoas mozas menores de 30 anos, preferentemente mulleres, que estean a buscar unha alternativa de emprego de calidade que lles permita conciliar a súa vida laboral e persoal, con formación empresarial.

Para as cooperativas e entidades de economía social, contar cunha persoa bolseira permitirá analizar, deseñar, planificar e desenvolver accións de mellora na xestión da organización, e o fará co apoio da titorización de EspazoCoop, en coordinación coa cooperativa, adaptándose ás necesidades e demandas desta.

Así que, se estades interesadas no programa, atentas á súa convocatoria para cooperativas proximamente! (saída 30 de maio)

Máis información e consultas: roberto@espazo.coop | 986 866 149

*Programa creado e convocado por: Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop.
*Esta iniciativa conta co apoio dos programas:
– Programa 2024-2025 da Rede Eusumo. Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España.
– Proxecto 0259_ES_Factory_1_E que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco do programa Interreg VI A España – Portugal 2021-2027.