Roteiro Cooperativo da Coruña: unha maneira lúdica de coñecer ás cooperativas

 

Chega o Roteiro Cooperativo da Coruña, unha maneira lúdica de coñecer ás cooperativas do concello e descubrir o cooperativismo e a economía social.

 

Por segundo ano o Roteiro Cooperativo da Coruña, iniciativa promovida por EspazoCoop en colaboración co Concello de A Coruña, chega á cidade con tres datas os días 28, 29 e 30 de outubro de 2025.

  • Martes 28 de outubro de 9.30 a 12.30 h | Alumnado do IES Ramón Menéndez Pidal
  • Mércores 29 de outubro de 9.30 a 12.30 h | Alumnado do Colexio da Grande Obra de Atocha
  • Xoves 30 de outubro de 9.30 a 12.30 h | Alumnado do IES Urbano Lugrís

A iniciativa consiste nunha ruta guiada por A Coruña para visitar e coñecer 3 cooperativas da cidade e achegarse ao cooperativismo e a economía social. A través dela identifícanse cooperativas que están presentes no día a día da cidadanía, ao tempo que se promociona o modelo cooperativo para mostrar proxectos emerxentes, exitosos, e viables, realizando tamén unha función divulgativa sobre o autoemprego colectivo.

Nesta segunda edición do Roteiro Cooperativo a comunidade escolar de tres centros de ensino da Coruña serán quenes visiten ás cooperativas: IES Ramón Menéndez Pidal, CPR La Grande Obra de Atocha, e IES Urbano Lugrís.

Cun formato de visita guiada, o punto de encontro será o Centro Municipal de Empresas Accede Papagaio, onde ten a súa sede na Coruña a Unión de Cooperativas EspazoCoop. Aquí, coñecerase a unha cooperativa establecida no centro, seguidamente o grupo desprazarase a coñecer dúas cooperativas máis da cidade.

O Roteiro será dinamizado por EspazoCoop, achegará información sobre as opcións de emprendemento cooperativo para o alumnado: As cooperativas xuvenís, ou sobre o Certame de cooperativismo no ensino, ao mesmo tempo, as cooperativas visitadas presentarán a súa empresa, os seus produtos e contarán ás persoas participantes a súa traxectoria.

Cooperativas participantes

As cooperativas que se visitarán son a axencia de mercadotecnia dixital Tako Group, a cantina A Parva da cooperativa Malas Sementes (no Mercado de San Agustín), e a clínica de nutrición e fisioterapia Arela Saúde, conformada por mulleres.

*Esta iniciativa está realizada no marco do Convenino de Colaboración 2025 entre o Concello de A Coruña e a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop.