Programa de Intercooperación da Unión de Cooperativas 24-25
“Exerce-la intercooperación”
EspazoCoop, co apoio da Rede Eusumo da Xunta de Galicia, promove un programa para impulsar procesos de intercooperación e estimular a práctica deste principio cooperativo fundamental que distingue especialmente a economía cooperativa e a cultura empresarial que poden exercer as cooperativas, sumando valor, diferenciándose doutras formas de economía competitivas.
Hai motivos para intercooperar
As cooperativas poden alcanzar un maior potencial mediante a colaboración práctica dunhas con outras, tanto no ámbito local como no internacional, no sectorial ou no intersectorial.
A “intercooperación” pódese implementar dende diversas perspectivas, e dende distintas fórmulas de organización.
Son moitas as experiencias de intercooperación que se teñen dado no mundo do cooperativismo e a economía social e solidaria (ESS), como un modo de funcionar natural, para alcanzar obxetivos comúns, solucionar necesidades compartidas, crear actividade económica en conxunto e xerar mercados sociais.
Obxectivos
Os obxectivos que se propón a Unión de Cooperativas coas actuación deste programa son:
- Facilitar o coñecemento mutuo das empresas participantes no programa de intercooperación.
- Descubrir temas de interese e solucións para desenvolver estratexias de cooperación.
- Tratar asuntos susceptibles de inter-cooperativizar, para favorecer tanto a xestión empresarial e societaria (financiamento, compras conxuntas, comercialización, promoción, etc.), como a innovación cooperativa (plataformas dixitais cooperativas), ou a consolidación da actividade e do emprego.
- Mostrar e divulgar boas prácticas de intercooperación.
- Estimular, dinamizar e acompañar ás cooperativas e outras entidades de ESS en procesos de intercooperación.
- Crear material de difusión e promoción para o exercicio da intercooperación.
Actividades do programa
Para fomentar a intercooperación, tanto a nivel sectorial como intersectorial e con outras entidades da Economía Social e Solidaria (ESS) a Unión de Cooperativas EspazoCoop implementa un itinerario de intervención e actuacións, mediante a realización de:
- Encontros temáticos ou sectoriais de cooperativas e outras empresas e entidades de ESS.
- Acompañamento a proxectos e iniciativas de intercooperación.
A quen vai dirixido?
As actividades do programa están destinadas a cooperativas e empresas de economía social, ás persoas dos órganos de goberno e persoal técnico con responsabilidades de xestión empresarial e societaria.
Axenda dos Encontros
A seguir relaciónanse os encontros de intercooperación que se van programando no marco do Programa de Intercooperación de EspazoCoop 2024-2025, tendo previsto desenvolver 4 encontros ata o 30 de setembro de 2025.
Sectorial cooperativas de ensino
Encontro 22 febreiro 2025
A Medoña- Priegue (Nigrán) no Colexio Ángel de La Guarda – A Medoña S. Coop. Galega) | Sábado 22 de febreiro de 2025, de 10 h. a 14 h.
Encontro da Sectorial de Ensino de EspazoCoop para abordar o proceso de relevo xeracional nas cooperativas de ensino e a entrada de novas persoas socias, o encontro servirá para clarificar procedementos, fomentar boas praxis e promover a formación no eido cooperativo das novas socias que se queiran incorporar en cooperativas de ensino. Para elo contarase coa intervención de persoal da asesoría Xedega S. Coop. Galega.
Ademais realizarase unha visita ás instalacións de A Medoña S. Coop. Galega, o colexio cooperativo anfitrión que acolle a actividade nesta ocasión.
PROGRAMA | CARTEL | INSCRÍBETE !
Sectorial cooperativas da cultura, turismo, ocio, patrimonio, e medio ambiente
Encontro 29 novembro 2024
Pontevedra (Pazo da Cultura) | Venres 29 de novembro de 2024, ás 10 h. | Inscrición neste enlace
Encontro aberto da Sectorial de Cultura de EspazoCoop e de empresas de economía social na Feira Culturgal, coa participación de representantes institucionais, como o Secretario xeral de emprego e relacións laborais, Pablo Fernández, entre outros.
O encontro realízase no marco da Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se celebra en Pontevedra do 29 de novembro ao 1 de decembro de 2024, onde serán abordadas propostas de actuación para o 2025 no eido da promoción da economía social por parte dos representantes das distintas administracións públicas presentes no Encontro, e clarificación de asuntos das distintas convocatorias de axudas para o sector cultural.
A Xunta organiza para esta feira o Stand da Economía Social no que estarán presentes cooperativas socias do ámbito cultural promocionando os seus produtos e servizos.
[ Actividades realizadas co apoio e no marco dos programas 2024-2025 da Rede Eusumo – Xunta de Galicia.]
(*) “Exerce-la Intercooperación” foi o título dunha liña formativa dentro do Programa de Formación de Cadros de Xestión da Economía Social, impulsado pola Asociación para a Economía Social, UVigo, a finais dos anos noventa.
Leave A Comment