O Foro de Investigación Xuvenil, impulsado polo cooperativismo de ensino, volve a Vigo

 

Do 20 ao 22 de novembro celébrase en Vigo o Foro Intercomunitario de Investigación Xuvenil 2025 na Escola de Enxeñería Industrial da UVigo, que este ano celebra a súa edición número catorce, no evento colabora EspazoCoop a través da súa Sectorial de Cooperativas de Ensino e Aces-Galicia (Asociación de Centros de Ensino de Economía Social de Galicia).

O Foro é unha iniciativa colaborativa, promovida pola escola cooperativa Colexio Plurilingüe Alborada de Vigo, Colexio Santiago Apóstol de Soutomaior e o Institut El Cairat de Barcelona, xunto co Instituto Cultura Ciencia e Tecnoloxía (ICCT) e a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop.

Contará coa participación de perto de 200 escolares de educación Secundaria, pertencentes a 12 centros de ensino de Galicia, Cataluña e Valencia, entre eles 3 cooperativas de ensino membros da Unión de Cooperativas EspazoCoop:

  • Colexio Plurilingüe Alborada – Claimo S. Coop. Galega | Vigo (Pontevedra)
  • Colexio Santiago Apóstol S. Coop. Galega | Soutomaior (Pontevedra)
  • Colexio Eduardo Pondal S. Coop. Galega | Cangas (Pontevedra)

Ademais dos centros, CPI Uxío Novoneira de Pedrafita (Lugo), Escola Bertran de Sabadell (Barcelona), Instituto El Cairat de Esparraguera (Barcelona), CPI Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso do Courel (Lugo), CPR San José-Josefinas Ourense (Ourense), Colegio Los Sauces (Pontevedra), IES Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín (Pontevedra), IES A Guía de Vigo (Pontevedra) e o Col-legi Santa María de Vila Real (Castellón).

O Foro de investigación naceu pola iniciativa dos centros educativos, entre os que se atopan as cooperativas de ensino, na procura da promoción da investigación, o traballo en equipo, o intercambio, e a divulgación entre o alumnado para adquirir as competencias básicas e motivalo no estudo práctico das ciencias experimentais, humanísticas, lingüísticas, etc., ademais de divulgar esta experiencia á comunidade escolar e estimulala a que se sume a este tipo de actividades.

Que outros obxectivos ten?

  • Potenciar a investigación do alumnado de secundaria e metodoloxías que promovan a análise, a creatividade e o inxeñio.
  • Fomentar a investigación como metodoloxía.
  • Impulsar a difusión do seus resultados e a comunicación da ciencia.
  • Introducir dinámicas que potencien o interese pola ciencia en xeral.
  • Propiciar o acercamento das diferentes comunidades autónomas e países e o fomento da convivencia entre mozos e mozas de diferentes lugares.

No concreto o Foro celébrase para divulgar traballos de investigación, estes traballos serán expostos mediante presentación co apoio tecnolóxico que precise o grupo de alumnas/os participante. A metodoloxía empregada para esta iniciativa promove que ao longo do curso escolar se traballe en equipos, baixo a dirección e acompañamento do profesorado dos centros. Neste Foro presentan os traballos realizados, con actitude crítica e opinións encontradas ao redor da investigación científica, exporán e transmitirán todo o proceso realizado e as problemáticas atopadas no mesmo. Traballan solidariamente nos equipos con compromiso e practicando a cooperación, fomentando este tipo de relacións e de traballo.

Cartel, 14ª edición, aquí

Programa do Foro

A Inauguración do evento terá lugar o xoves 20 de novembro a partir das 16 h. na Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo.

No Programa previsto pódese apreciar a variedade de ámbitos temáticos dos 35 Relatorios de Investigación e 15 Obradorios de exposición de traballos que se presentarán:

A Clausura e entrega de diplomas terá lugar o venres 21 de novembro ás 18 h., e a partir das 18.20 h., visita a talleres da Escola de Enxeñería Industrial.

O día 22 de novembro está destinado a que os centros e as persoas participantes no Foro gocen de actividades lúdicas, este ano está prevista unha visita á localidade de Cangas do Morrazo, á que se desprazarán en barco dende Vigo.