Bolsas 2025 “Talento Cooperativo” para mocidade con estudos empresariais
O programa “Talento Cooperativo” 2025 lanza a convocatoria para seleccionar 4 persoas con estudos empresariais para 4 Bolsas de EspazoCoop en cooperativas galegas, das localidades de Allariz, As Neves, A Pobra do Caramiñal e Vigo.
A Unión de Cooperativas EspazoCoop, abre a convocatoria do programa Talento Cooperativo 2025, 13ª edición, para persoas menores de 30 anos, con preferencia a mulleres, en desemprego e con estudos en áreas da xestión empresarial.
Convócanse 4 bolsas xerenciais en cooperativas galegas
EspazoCoop convoca 4 bolsas que darán a posibilidade de realizar unha estadía en prácticas nunha cooperativa galega durante 6 meses para impulsar e apoiar o ámbito xerencial e procesos de mellora, estas bolsas están dotadas cunha axuda económica mensual de 700 €, coa correspondente cotización á Seguridade Social.
A estadía en prácticas é para analizar, deseñar, planificar e desenvolver accións de mellora na xestión da cooperativa. A persoa bolseira e a cooperativa contan ademais co apoio da mentoría e titorización de EspazoCoop, que se realiza en cordinación coa cooperativa apoiando as súas necesidades e demandas. A previsión da duración da estadía é da primeira quincena de outubro 2025 á primeira quincena de abril de 2026, a razón de 25 horas semanais. As bolsas están vinculadas a un programa formativo que vai paralelo á estadía.
Estas son as localidades das cooperativas nas que se realizarán as estadías das bolsas:
- Allariz (1 bolsa)
- A Pobra do Caramiñal (1 bolsa)
- As Neves (1 bolsa)
- Vigo (1 bolsa)
Realizar unha acción formativa como parte do proceso de selección
Sinalar que como parte do proceso de selección as aspirantes a bolseiras, unha vez recibamos a súa solicitude, terán que realizar unha acción formativa sobre cooperativismo e economía social en modalidade teleformación. A superación desta acción formativa será requisito imprescindible para continuar no proceso de selección.
A selección das bolseiras realízase cos resultados da teleformación realizada e unha formación presencial de 10 h. os días 16 e 18 de setembro de 2025 en Santiago de Compostela, que se incorporarán ao programa de bolsas a primeira quincena de outubro 2025.
Antes de enviar a túa solicitude, consulta e revisa as bases da convocatoria
É importante que se coñezan os obxectivos da bolsa, os compromisos que adquire a bolseira, e as demais condicións do programa Talento Cooperativo, para valorar de antemán si se poderá levar adiante o proceso formativo previo á selección, e despois a propia bolsa no caso de ser seleccionada.
- Accede ás BASES da CONVOCATORIA 2025 neste enlace
- Formulario de SOLICITUDE neste enlace
- PRAZO DE SOLICITUDE 31 de agosto de 2025
Canteira cooperativa
Actualmente, xa foron beneficiarias dunha estadía en prácticas nunha cooperativa galega a través deste programa: 62 persoas bolseiras ao longo do conxunto de tódalas edicións. As súas valoracións son moi positivas, contribuíndo á mellora da súa formación e a acadar experiencia que facilita a incorporación ao mundo laboral. Ademais de ser un programa diferenciador, xa que as persoas teñen a oportunidade de afondar na materia cooperativa, quedando nalgúns casos vinculadas profesionalmente ao sector cooperativo e da economía social, podemos dicir que é un programa que crea “canteira” para o mundo cooperativo e da economía social en Galicia por elo é relevante e especial, nun panorama no que as formacións oficiais non contemplan nos seus currículos a especialidade en materia cooperativa e de ES.
Información: Unión de Cooperativas EspazoCoop | 986 866 149 – roberto@espazo.coop | de luns a venres de 9-14 h.
Programa creado e convocado por: Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop.
Esta iniciativa conta co apoio e está no marco dos programas:
– Programa 2024-2025 da Rede Eusumo. Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España.
– Proxecto 0259_ES_Factory_1_E que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco do programa Interreg VI A España – Portugal 2021-2027.
Leave A Comment