Guía para o emprendemento en economía social e laranxa

 

EspazoCoop elabora a GUÍA PARA O EMPRENDEMENTO EN ECONOMÍA SOCIAL E LARANXA, como socia do Proxecto ES-Factory: Rede de aceleradoras da economía social para impulsar e consolidar as actividades nas novas economías emerxentes, que lidera a Xunta de Galicia en consorcio con entidades de Galicia e Norte de Portugal.

A guía está deseñada para facilitar a planificación, execución e sostibilidade de proxectos de economía social no ámbito da economía laranxa, especialmente aqueles con vocación transformadora e ancoraxe local.

 

 

A economía laranxa representa un dos sectores emerxentes con maior potencial de transformación económica, social e territorial. No contexto da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal, a súa capacidade para xerar emprego, fortalecer a identidade cultural e contribuír ao desenvolvemento sostible convértea nun eixo estratéxico para o impulso da economía social.

Esta guía nace no marco do proxecto ES-FACTORY, co obxectivo de dotar ás persoas emprendedoras e ás entidades do terceiro sector dunha ferramenta práctica, modular e contextualizada para acompañar procesos de creación e consolidación de iniciativas empresariais baseadas na cultura, a creatividade e o compromiso social.

A súa metodoloxía combina a análise territorial, a compilación de boas prácticas e o deseño de recursos aplicables (plantillas, modelos e exemplos), con enfoque transfronteirizo e participativo.

A estrutura da guía segue unha secuencia modular e práctica, inspirada nas experiencias de emprendemento en economía social no territorio, incluíndo, entre outras, as iniciativas cooperativas, como fonte relevante de aprendizaxe e boas prácticas.

Esta Guía fai parte dun conxunto de recursos, axendas, informes e guías que elaboran os socios colaboradores de ES-Factory.

*A Guía para o Emprendemento en Economía Social e Laranxa foi elaborada pola cooperativa Larega e Atoupa, en coordinación e baixo a dirección da Unión de Cooperativas EspazoCoop.


Iniciativa no marco do programa:

Proxecto 0259_ES_Factory_1_E que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco do programa Interreg VI A España – Portugal 2021-2027

—-