Ser Cooperativa. Convivencia do Cooperativismo Galego
As cooperativas A Casa das Redes e Aventeira e EspazoCoop queren convidarvos a participar nun encontro de intercooperación deseñado con moito agarimo, os días 22 e 23 de novembro de 2025 no Xeocamping Montañas do Courel, en Ribas de Sil (Lugo), dito encontro enmárcase no Programa de Intercooperación de EspazoCoop apoiado pola Rede Eusumo.
QUE É?
Un espazo de convivencia e encontro entre cooperativas galegas: un tempo para coñecerse, compartir experiencias e frustracións, colaborar e intercambiar coñecementos.
POR QUE?
Nos últimos anos xurdiron espazos de encontro e intercambio entre cooperativas, mais moitas veces quedan nun café, nunha foto, nunha conversa amable e pouco máis. Falta tempo, estrutura e coidado para que as relacións e as ideas compartidas se transformen en colaboracións reais.
Esta convivencia nace precisamente para ir un paso máis alá: crear un tempo e un lugar onde xurdan vínculos duradeiros, confianza mutua e proxectos que poidan seguir medrando despois do encontro.
PARA QUEN?
Concibido para cooperativas galegas do eido da Educación Non Formal, no terreo dos tempos libres, as aulas, a cultura ou o turismo.
PARA QUE?
- Poñerse cara, coñecer máis polo miúdo as entidades e servizos doutras, cultivar a confianza.
- Intercooperar, xerar alianzas, crear proxectos en común. Ofrecer e demandar servizos.
- Intercambiar consellos para unha mellor xestión interna.
- Sentar as bases para unha rede cooperativa máis cohesionada, útil e con visión de futuro.
- Convivir, rir, celebrar e pasalo ben.
Máis información > Programa Ser Cooperativa
Inscricións > neste enlace


O Programa de Intercooperación de EspazoCoop enmárcase na programación da REDE EUSUMO. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Consellería de Promoción do Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e a economía social.
—-
Leave A Comment