Xuntanza entre EspazoCoop e o Concello da Coruña

Este encontro fixou a continuidade da colaboración entre ambas institucións e abriú as portas a novos avances para o desenvolvemento do cooperativismo na cidade, o seu coñecemento e a súa promoción.

O xoves 13 de xullo tivo lugar unha xuntanza de traballo entre EspazoCoop e o Concello da Coruña no que participaron representantes da Unión con Juan Ignacio Borrego, Concelleiro de Emprego e Educación e Belén Gil Alvariño, xefa do Departamento de Promoción Económica e Comercio do Concello da Coruña. Con motivo das eleccións municipais celebradas no mes de maio e os cambios acontecidos en varias das Concellerías, desde EspazoCoop solicitouse este encontro para fixar a continuidade dos acordos de colaboración entre as dúas institucións e abrir a porta a novas contribucións que permitan fomentar o cooperativismo na cidade.

Na cidade da Coruña existen arredor de 70 cooperativas activas, que agrupan a máis de 2.300 socios e socias e facturan preto de 22 millóns de euros. As cooperativas son un pulmón económico básico para A Coruña, que medra cada ano e que incide positivamente tanto nas persoas emprendedoras, como nas consumidoras, como na sociedade en xeral. O cooperativismo na Coruña conforma un tecido económico fundamental na cidade, estando presentes en sectores tan diversos como o educativo, o artístico, os servizos, as finanzas, a tecnoloxía ou a comunicación. 

EspazoCoop e o Concello da Coruña levan anos traballando de maneira conxunta na cidade a través de diferentes proxectos e accións para poñer en valor o cooperativismo e continuarase nesta liña. De feito, no transcurso desta xuntanza falouse da posibilidade de desenvolver novas iniciativas que permitan achegar o cooperativismo a novos públicos, tanto para a constitución de novas entidades cooperativas como para difundir os beneficios, obxectivos e principios do cooperativismo. 

Desde a Unión expúsose a importancia do cooperativismo na Coruña, e achegáronse exemplos doutras cidades galegas e de fóra da comunidade que están a desenvolver medidas que incentivan claúsulas sociais nas licitacións das contratacións públicas, fomentando desta maneira unha aposta verdadeira e efectiva polo cooperativismo e a economía social. Nos vindeiros meses celebraranse novos encontros entre EspazoCoop e o Concello da Coruña para  desenvolver proxectos e iniciativas.