A Reserva da Biosfera Transfronteiriza do Gerês-Xurés (RBTGX) organiza os días 5 e 6 de marzo unha Xornada de portas abertas ao patrimonio da Reserva Da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés, onde queren mostrar parte do traballo realizado desde setembro de 2015 dunha forma amena e participativa. Serven estas xornadas tamén para pór o punto final a esta fase do proxecto Patrimonio do Xurés, que xestiona para a RBTGX até finais de marzo a UTE composta polas cooperativas Feitoría Verde e MaOs Innovación Social, S.Coop.Galega.

Haberá desde unha parte máis formal na sede do Parque do Xurés: presentación e conferencia sobre patrimonio con dous especialistas (José Benito Reza e David Pérez), e estrearán un dos dous documentais que crearon con entrevistas a persoas da zona (‘Patrimonio habitado’, coa produción de Illa Bufarda). Pola tarde, xa no CEIP Xurés (Lobios) terán unha tarde ben animada: exposicións (de material recollido e dos cómics sobre patrimonio elaborados nos centros de ensino), unha mesa redonda sobre traballos comunitarios con persoas locais,  3 obradoiros (cestaría, música tradicional e xogos tradicionais) e merenda con música (Kérkennai-oficial). Que máis se pode pedir? A vosa asistencia e participación!

XORNADAS RBGX

Fonte: Facebook Patrimonio do Xurés (entra para ver o trailer do documental “Patrimonio Habitado” que estrearán nas Xornadas)