EAPN Galicia organiza o 30 de novembro na Facultade de Económicas e Empresariais de Santiago de Compostela o VI Foro sobre Pobreza e Exclusión social que este ano leva o lema “Crecemento inclusivo, emprego digno e loita contra a pobreza”.
O Presidente da Unión de Cooperativas, Celso Gándara, participa este ano no Foro durante a sesión matinal, no Diálogo “Mellorando a Inclusión Laboral”, xunto a outras organizacións como o Secretariado Xitano, Igaxes3, Cogami ou Vegalsa Eroski.
Como en anteriores edicións, este Foro pretende contribuir a situa-la realidade da pobreza e a exclusión social en Galicia no primeiro plano da axenda política e visibiliza-la importancia que o Terceiro Sector de Acción Social teñen na implantación de políticas de inclusión social.
Neste VI Foro quérese afondar nos retos das diferentes políticas de emprego e inclusión social (formación, orientación, emprego con apoio, garantía xuvenil, etcétera), ver como aumentar o impacto que teñen nas persoas en situación ou risco de pobreza ou exclusión e como avanzar na imprescindible coordinación entre e dentro das administracións e co Terceiro Sector Social.
Como noutras edicións, comezarán coas demandas xurdidas dos diferentes seminarios de participación. Logo terán a presenza de responsables da OIT, dos principais xornais galegos, empresas e ONG especializadas.
Pola tarde, e co enfoque de “ir ao grao” que caracteriza o Foro, e coa participación de persoas expertas de organizacións, colexios e asociacións profesionais, Universidade ou da Xunta de Galicia, realizaranse catro diálogos simultáneos CM (Como melloramos…?)
- CM as iniciativas de Garantía Xuvenil e Emprego Xuvenil?
- CM a relación entre Servizos sociais e Emprego?
- CM a integración das persoas desempregadas de longa duración no mercado laboral?
- CM a Formación para o emprego?
Neste enlace ten información e o programa.
O proceso de inscrición (de balde) xa está aberto: as prazas son limitadas, polo que é importante facelo antes do 28 de novembro neste enlace
A etiqueta que utilizarán en redes sociais será #EmpregoPobreza
www.pobrezagalicia.org – www.pobreza.gal
E-mail: info@eapn-galicia.com – Tel. 881 957 284