Tres cooperativas socias de EspazoCoop recoñecidas nos premios do Día do Cooperativismo

 

A edición deste ano do Día do Cooperativismo deixou unha excelente pegada para tecido societario de EspazoCoop, cunha representación destacada de cooperativas vinculadas á nosa unión. Tres proxectos foron galardoados en diferentes modalidades, demostrando a diversidade e fortaleza das socias de EspazoCoop na nosa comunidade.

Illa Bufarda: Premio ao mellor proxecto cooperativo novo

A cooperativa Illa Bufarda foi distinguida co Premio ao mellor proxecto cooperativo novo, un recoñecemento que chega tras máis dunha década de traxectoria no sector audiovisual e da comunicación.

“Illa Bufarda nace no ano 2012 como un proxecto informal de Adriana e Sabela, froito da necesidade de traballar naquilo para o que nos formaramos”, explican desde a cooperativa. Despois dunha evolución que as levou de traballadoras autónomas a constituír unha Sociedade Civil, e coa incorporación de Pilar en 2019, o verán de 2023 marcou o salto definitivo cara á forma cooperativa.

“O espírito cooperativo estivo sempre presente na maneira de traballar e na esencia da Illa Bufarda, polo que sentimos que, por fin, a nosa forma xurídica é coherente coa nosa maneira de entender e facer as cousas”, sinalan.

Esta produtora audiovisual destaca pola súa versatilidade e ampla oferta de servizos arredor da comunicación, a formación e a imaxe, funcionando tanto como produtora con proxectos propios como axencia creativa. O equipo multidisciplinar permite ofrecer un abano de posibilidades visuais que van desde sesións de fotos ata plans de comunicación completos.

Un dos aspectos máis distintivos de Illa Bufarda é a súa achega ao ámbito cultural e social: “Moitas das producións da Illa Bufarda axudan á preservación e difusión da memoria colectiva, das linguas minorizadas, como o galego, e das expresións artísticas propias, visibilizando realidades que a miúdo fican fóra dos circuítos comerciais”.

Para as socias, recibir este premio supón unha reafirmación do seu camiño: “Constituírmonos como cooperativa foi para nós a proxección laboral ideal desde os inicios. Non se deron as circunstancias ideais ata 11 anos despois, pero poder dalo con seguridade e que te recoñezan por iso, é un xeito de reafirmar que estamos facendo ben as cousas”.

Rexenerando: Premio aos valores cooperativos

Na modalidade de Premio aos valores cooperativos, a cooperativa Rexenerando foi a galardoada, recoñecendo o seu compromiso cos principios fundamentais que definen o movemento cooperativo. Tras 11 anos de traxectoria, este recoñecemento avala a súa aposta decidida por facer dos valores cooperativos o eixo central da súa actividade.

“Sentimos que todos os valores que definen o cooperativismo nos moven, están presentes na nosa práctica”, explican desde Rexenerando. Se teñen que salientar tres, destacan a axuda mutua, entendida como “un grupo de persoas que se xuntan para intentar provernos das mellores condicións posibles”; a igualdade, promovendo “un trato igualitario entre todas as persoas sabendo as diversidades que poden haber nunha cooperativa”; e a responsabilidade, asumindo “o noso traballo, cara fora, o impacto que teñe, compromiso coa comunidade”.

A integración destes valores na práctica diaria da cooperativa maniféstase en múltiples aspectos: “Tendo moito constancia do contexto socioeconómico que nos movemos, cobrar salarios dignos, para nós e a nosa rede, condicións de estrés sostibles”, salientan, poñendo o foco en que “o que estamos a facer está en contra das precariedade e condicións económicas actuais”.

Para Rexenerando, o cooperativismo é unha ferramenta fundamental para un futuro máis sostible recoñecendo que “hai que aprender a usala para sacar todo o seu potencial e empregala ben para un mundo que non está preparado para ela”.

Recibir este recoñecemento supón para a cooperativa “unha alegría, por recoñecer todo o que está na nosa memoria”. Víveno como un recoñecemento “a algo no que nos esforzamos especialmente e moi singularmente no tema dos valores, que está na base de montar unha cooperativa e os servizos que ofrecemos como poñer un pouco os nosos saberes, a nosa forza de traballo, o noso esforzo e ilusión ao servizo de transformación social e de promover outro tipo de valores máis xustos e sostibles na sociedade”.

Ademais, sinalan que “tamén o sentimos como un recoñecemento á nosa traxectoria despois de 11 anos de cooperativa, un recoñecemento a todo este traxecto, a ese camiño feito desta promoción e consolidación dos valores cara fóra e cara dentro”. Para eles, este premio “nos impulsa a seguir nesta liña”.

“Maruxía”: Accésit en proxectos empresariais cooperativos

Na modalidade de Proxectos empresariais cooperativos, dirixida ao alumnado dos centros de formación profesional, o accésit foi para “Maruxía” da Sociedade Cooperativa Galega Mendiño.

O equipo está formado por Aimar González, Ainhoa Magaz e Lara Rodríguez, estudantes de 2º curso do Ciclo Medio de Actividades Comerciais, baixo a dirección da docente Paola Bar.

“Maruxía” é unha plataforma web innovadora que ofrece un servizo único de navegación interxeracional en España, conectando persoas maiores con mozos e mozas para compartir experiencias no mar. A través dunha experiencia segura, accesible e educativa, facilita que as persoas maiores poidan gozar da navegación acompañadas por mozos que as axudan durante a actividade, fomentando así a súa autonomía e seguridade.

Simultaneamente, os mozos participantes teñen a oportunidade de adquirir habilidades prácticas relacionadas coa navegación, complementando a súa formación e motivándoos a participar activamente.

Este servizo non só proporciona unha actividade lúdica e formativa sen custo económico, senón que tamén crea un espazo onde se fortalece a conexión emocional entre xeracións, combatendo a soidade das persoas maiores e promovendo vínculos de confianza e empatía entre os participantes.

O galardón destaca a importancia da educación cooperativa como ferramenta clave para fomentar a innovación social e promover un emprendemento responsable e sostible.

Un recoñecemento ás cooperativas socias de EspazoCoop

Estes premios evidencian a vitalidade e diversidade do cooperativismo galego, desde cooperativas consolidadas que evolucionan cara a formas xurídicas máis coherentes cos seus valores, ata proxectos emerxentes que apostan pola innovación social e a conexión interxeracional.

A presenza destacada de cooperativas da Unión nestes galardóns reafirma o papel fundamental que o movemento cooperativo xoga na construción dunha economía máis social, sostible e participativa en Galicia.