A Consellería de Traballo e Benestar recibiu onte, 9 de xuño, en Santiago, a unha delegación de Timor Leste para intercambiar experiencias no eido da economía social. En concreto, o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, presidiu a xuntanza na que acudiron, en representación da illa asiática, o director nacional de Cooperativas, Márcio Lay, e o presidente da Confederación Nacional das Cooperativas, Elizário Ferreira, entre outras autoridades. Na reunión tamén estiveron representantes das asociacións de cooperativas da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e da Unión de Cooperativas de Traballo Asociado (Ugacota).
A delegación de Timor Leste, composta por unha decena de persoas, aproveitou a visita oficial que están a realizar estes días a Portugal para desprazarse ata Galicia para coñecer de primeira man as políticas que a Xunta está a desenvolver no eido do cooperativismo. Así, á xuntanza celebrada en Santiago tamén acudiron responsables da asociación de cooperativas portuguesa Uninorte.
Galicia e Timor Leste puxeron en común as políticas que cada unha das rexións desenvolve no eido da economía social e neste punto Martiñá destacou que en Galicia está fórmula empresarial está a demostrar que resiste á crise económica.
Fonte: www.xunta.es – Departamento: Consellería de Traballo e Benestar