Representantes de EspazoCoop participaron en Ourense nunha reunión con Yolanda Díaz para abordar o impacto dos incendios
Representantes de EspazoCoop participaron onte en Ourense nun encontro con Yolanda Díaz e outras entidades da economía social galega para abordar as consecuencias dos recentes incendios forestais en Galicia.
Na reunión presentáronse datos concretos sobre os danos sufridos por cooperativas socias de EspazoCoop, incluíndo perdas en instalacións, infraestruturas e actividade produtiva. Tamén se puxeron de relevo as dificultades organizativas e sociais que os lumes están a provocar nas persoas cooperativistas afectadas e nas súas comunidades, así como a necesidade de respostas rápidas e coordinadas que permitan recuperar a normalidade canto antes.
O encontro serviu ademais para trasladar propostas de apoio ao cooperativismo e ao conxunto da economía social, orientadas tanto a paliar os efectos inmediatos dos incendios como a reforzar a capacidade de resiliencia do sector a medio e longo prazo. Entre as cuestións tratadas destacaron a posibilidade de activar liñas de axuda específicas, medidas fiscais e programas de acompañamento técnico, así como a importancia de recoñecer o papel estratéxico da economía social na recuperación económica e territorial de Galicia.
Situacións expostas
O escenario vivido polas cooperativas socias da provincia de Ourense afectadas polos incendios volve poñer de manifesto unha realidade estrutural que debe abordarse con determinación: non é posible afrontar a dinamización do medio rural nin reverter a despoboación sen unha planificación integral do territorio que contemple a ordenación do monte, a prevención de incendios e a provisión de servizos públicos básicos.
As cooperativas evidencian un firme compromiso co territorio e unha destacada capacidade de resiliencia, mais tamén deixan claro que este esforzo é insostible se non se acompaña de políticas públicas ambiciosas, financiadas e cunha visión estratéxica a medio e longo prazo.
O impacto real dos incendios é difícil de cuantificar, pois vai máis alá dos danos materiais inmediatos: moitos proxectos baseados na posta en valor do territorio, o patrimonio natural e as experiencias ligadas ao medio ambiente ven comprometida a súa propia viabilidade cando o seu entorno desaparece ou se degrada. Isto terá consecuencias profundas —aínda que máis difíciles de medir— no desenvolvemento económico, social e emocional destas iniciativas
O cooperativismo constitúe unha ferramenta estratéxica para a fixación de poboación e a prevención de incendios. Un rural habitado, con proxectos sostibles e arraigados, é tamén un rural máis protexido e resiliente.
Demandas trasladadas
Na reunión, EspazoCoop, xunto co resto de entidades da economía social presentes, puxo sobre a mesa a necesidade de que as cooperativas sexan integradas nas estratexias de planificación territorial, prevención de incendios e recuperación das zonas afectadas, recoñecendo o seu papel como axentes activos no desenvolvemento rural. Subliñouse tamén que resulta imprescindible reforzar as políticas públicas que garantan servizos básicos no rural, pois sen eles a viabilidade dos proxectos económicos e sociais vese seriamente comprometida.
Outro dos aspectos destacados foi a urxencia de revisar as estratexias de apoio ao emprendemento rural, que non deberían quedar limitadas a convocatorias puntuais ou competitivas, senón basearse nun acompañamento real, próximo e sostido no tempo. Nese mesmo sentido, reclamouse a activación de canles estables de diálogo e coordinación entre as administracións públicas e o tecido cooperativo, co fin de construír políticas máis efectivas, participativas e adaptadas ás realidades do territorio.
Ademais, as entidades insistiron en que é preciso repensar o territorio afectado con criterios de recuperación e prevención, buscando accións coordinadas, coherentes e sostibles que vaian máis alá das respostas urxentes. Finalmente, fíxose fincapé en que o medio natural debe ser valorado como espazo de vida e non só como paisaxe, xa que cando se destrúe non desaparece un escenario, senón a base mesma da vida e das posibilidades de futuro que nel existen.
*Imaxe: Web do Ministerio de Trabajo y Economía Social
Leave A Comment