Preto de medio centenar de cooperativas participan na Asemblea anual de EspazoCoop

Imaxe: Cal3 S. Coop. Galega

 

  • EspazoCoop medra nos últímos 3 anos en máis dun 50% no número de socias.
  • Do total de cooperativas creadas en Galicia o ano pasado, preto dun 20% decidiu formar parte de EspazoCoop.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2022. Na mañá de hoxe tivo lugar en Santiago a asemblea anual da Unión de Cooperativas EspazoCoop, entidade de referencia do cooperativismo en Galicia. Nela participaron representantes de preto de medio centenar de cooperativas da economía social da comunidade.

No transcurso desta asemblea, o consello reitor de EspazoCoop, presidido por Ana Olveira, presentou os resultados e principais fitos do ano 2021. No último ano, 32 cooperativas sumáronse a EspazoCoop, o que supón un incremento superior ao 15%. Nos últimos tres exercicios, EspazoCoop medrou en máis dun 50% no seu número de socias, indicador do seu importante traballo como entidade do movemento cooperativo e da economía social e solidaria.

Segundo Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, “2021 foi un ano marcado aínda pola pandemia, aspecto que levou a moitas persoas a emprender dun xeito máis social. O cooperativismo medra en Galicia por riba da media estatal, segundo cifras da Xunta de Galicia, no ano pasado creáronse 174 novas iniciativas enmarcadas nesta fórmula de emprendemento. Delas, preto dun 20% decidiron formar parte de EspazoCoop”. A presidenta de EspazoCoop tamén quixo salientar “a importancia que ten para Galicia que Santiago de Compostela fora recoñecida como capital da economía social 2022 xa que é unha oportunidade para amosar ao mundo a importancia do cooperativismo en Galicia, que está presente en todos os sectores económicos e que medra cada ano”.

Referencia do cooperativismo galego

EspazoCoop é unha entidade de referencia no ámbito do cooperativismo galego polos seus valores e principios cooperativos, a través dos que colabora na consecución dunha economía baseada na primacía das persoas, o desenvolvemento sostible e a responsabilidade social. En base a isto cada ano desenvolve diferentes actividades vinculadas a formación, acordos con outras entidades e administracións, acompañamento a novas cooperativas e persoas en proceso de creación dunha empresa deste tipo ou promoción do cooperativismo, entre outras.

EspazoCoop ten un total de 234 cooperativas socias de diferentes sectores económicos que suman preto de 3.000 persoas cooperativistas. A súa distribución por provincias é:

  • A Coruña 115 cooperativas
  • Pontevedra 82 cooperativas
  • Ourense 22 cooperativas
  • Lugo 15 cooperativas

Imaxe: Cal3 S. Coop. Galega

Principais fitos 2021: formación, consolidación e impulso do cooperativismo

A formación é un dos campos nos que EspazoCoop desenvolve un maior número de actividades para as cooperativas socias. Supón un verdadeiro impulso á economía social en total, leváronse a cabo 27 actividades formativas presenciais, online e mixtas en 2021 nas que participaron máis de 500 persoas. Ademais, publicou as ‘Guías de Xestión Cooperativa’, 5 documentos útiles para os distintos ámbitos da empresa cooperativa nos que reúne información de interés sobre os modelos de xestión empresarial cooperativo e as súas especificacións nos ámbitos organizativo, social, laboral, contable e fiscal.

Tamén, tendo en conta a situación da pandemia, EspazoCoop creou o ano pasado a súa Aula virtual para facilitar formación non presencial e conta con preto de 1.000 persoas usuarias.

No marco da consolidación de entidades cooperativas, EspazoCoop desenvolveu un total de 5 programas propios e en colaboración con outras institucións, co obxectivo de apoiar a supervivencia a futuro e o mantemento de emprego na situación tan complexa como a vivida en tempos de pandemia. Nestes programas participaron un total de 195 cooperativas beneficiarias.

Outro dos obxectivos fundacionais de EspazoCoop é o impulso do cooperativismo en Galicia, para o que elaborou durante o ano pasado 6 plans estratéxicos para o seu desenvolvemento. Cada un deles identifica oportunidades sectoriais e orientan as políticas públicas e os dispositivos de apoio ao emprendemento que se promoven dende o goberno autonómico.

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxetivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperavismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

Enlaces relacionados: