O Proxecto de Lei de Economía Social de Galicia está xa en proceso de tramitación parlamentaria, despois de ser aprobado polo Consello da Xunta de Galicia trala emisión de distintos informes e ditames precetivos e da recepción de alegacións.
Dende as asociacións de cooperativas galegas, e dende Ugacota, a Federación de Cooperativas Sinerxia, Ucetag e Ugacomar viuse traballando no Anteproxecto de Lei de Economía Social coa súa participación no Consello Galego de Cooperativas (Cogaco), e a través do cal canalizáronse as alegacións ao texto normativo que estas asociacións estimaron oportunas en defensa de intereses e necesidades do sector cooperativo e da economía social galega.
O proxecto de lei ten entre os seus obxectivos principais os de poñer en valor o sector da economía social, dotalo de relevancia polas súas achegas á sociedade e impulsar a súa capacidade de xerar un modelo de desenvolvemento económico e social equilibrado e sustentable. Busca considerala como un actor fundamental no desenvolvemento da sociedade actual que contribúe a un modelo económico sostible no que as persoas son máis importantes que o capital.
O próximo venres 18 de Decembro, celébrase reunión do Pleno do Cogaco, na orde do día está previsto tratar o asunto do Proxecto de Lei de Economía Social, suliñar que para as propias asociacións de cooperativas tamén é moi relevante a aprobación da Lei porque a súa entrada en vigor dará ” luz verde” á formalización da integración das entidades: Ugacota, Sinerxia, Ugacomar e Ucetag, proceso que se ven traballando e impulsando nos últimos tempos, co obxeto de crear unha nova entidade multiclase que aglutine a diversidade cooperativa, os equipos de traballo, que creza en representación, e mellore en eficiencia ou colaboración.
Aproveitamos para informar que no Pleno do Cogaco, ao que asistirán representantes de Ugacota, Sinerxia e Ucetag, tamén está previsto tratar outros temas :
A Estratexia Galega do Impulso ao Cooperativismo; os Premios ao Cooperación 2016 (convocatoria); o Certame Cooperativismo no Ensino 2016 (convocatoria); As subvencións ás entidades asociativas, ás oficinas locais e a outras entidades colaboradoras da Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social 2016 (orde das bases reguladoras); Propostas para celebrar o Día do Cooperativismo Galego 2016; ou a renovación dos membros do Cogaco.
[…] O proxecto de Lei de economía social de Galicia […]