Chega Culturgal 2016 os días 2, 3 e 4 de decembro. Un ano máis o cooperativismo volve a ter presenza na Feira das Industrias Culturais. O stand do Consello Galego de Cooperativas na Feira promociona a Rede Eusumo e acolle unha boa representación das entidades de economía social que en Galicia traballan no eido cultural:
7H Cooperativa Cultural, Cestola na Cachola, Cooperativa de Cine,  Editorial Trymar,  O Cable Inglés, Pegadas, Urdime,  Xeitura – Xestión Integral do Patrimonio Cultural,  10d10

[ dezdedez ],  VilaMincha,  ou Xeneme Proxectos Sociais.

As cooperativas instalaranse nos stands 86-88 do Pazo da Cultura de Pontevedra e vai ser un stand moi activo, mediante o programa de actividades Enxame, unha proposta artístico-performática que busca introducir aos participantes do Culturgal nas posibilidades da creación colectiva como ferramenta de mapeo das súas propias metas, cos seus respectivos medos e ilusións ante o colaborativo.

VENRES

12:30 h. Visita institucinal ao stand por parte da Secretaria Xeral de Emprego dona Covadonga Toca Carús, e da Subdirectora Xeral de Economía Social dona Alba Paz Boubeta.

16:00 h. Encontro sectorial das cooperativas culturais e presentación da Unión de Cooperativas EspazoCoop.

18:00 h. Isto non é lixo! Obradoiro de creación artística e reciclaxe a cargo de 7H Cooperativa Cultural. Coa súa obra, a socia Bea Lema plantéxanos varias cuestións sobre o lixo que acumulamos nas nosas vidas: Canto lixo acumulamos nun día? A onde vai? Que facemos con el? Durante este obradoiro farémosnos estas e outras preguntas, comprobaremos que o lixo ten moitas posibilidades creativas e remataremos construíndo unha cúpula con botellas de plástico.

SÁBADO

11:00 h. Pintura Mural no Culturgal, a cargo de 7H Cooperativa Cultural e Cestola na Cachola. Demostración de pintura mural a través da creación dunha obra in situ para o stand do Consello e dando a coñecer ao público as capacidades comunicativas da intervención mural.

12:30 h. Femenino Plural, coloquio a cargo de Dez de Dez. Tras o seu concerto no espazo carpa do Culturgal, Silvia Penide e Carla López charlarán no noso stand sobre as orixes do seu proxecto Femenino Plural e o necesario papel das mulleres na creación.

15:30 h. Encontro con Silvia Penide (premio Martín Codax 2016 á mellor artista Pop Indie) e sinatura de discos da autora, a cargo de Dez de Dez.

17:00 – 21:00 h. Superavós, concurso para cativos/as a cargo de Vilamincha.

O sábado 3 de decembro levamos o noso concurso Superavós ao Culturgal, onde grabaremos videos dos nen@s asistentes que nos queiran contar algo especial sobre os seus avós e avóas. Os videos publicaranse na páxina web e no Facebook de Vilamincha para que podan participar no concurso e cada cativo participante entregaráselle o video da súa participación.

19:00 h.  A economía social e as finanzas éticas como motor dos proxectos culturais, mesa de presentación e experiencias a cargo de REAS Galicia, Fiare BancaÉtica, AIS O Peto, Coop57 e Rede Sal.

DOMINGO

11:30 – 13:30 h.  Achégate a descubrir as actividades que Xeitura, Xestión Integral do Patrimonio, ten preparadas para a mañá do domingo no stand! .

Obradoiro de Arqueoloxía

A forma de aprender a ser arqueólog@ é enzoufándose! E no peque-arqueódromo de Xeitura poderás descubrir cómo traballan @s arqueólog@s. Aprenderedes a ler a terra, interpretar os restos que deixaron os nosos devanceiros e, sobre todo, disfrutaredes dunha experiencia única, educativa e divertida.

Obradoiro de escritura antiga

Antes da imprenta, monxes e escribanos entregáronse ao laborioso traballo de copiar códices e libros e, gracias a súa labor, chegaron a nós moitas das historias do noso pasado. Neste obradoiro invitámoste a vivir a experiencia de escribir con pluma como o fixeron eles, para deixar a túa historia no Culturgal da man de Xeitura .

16:00 h. Cooperativa Cultural?, presentación do primeiro fanzine colaborativo de 7H Cooperativa Cultural, un orixinal número que se centra na particular visión que as socias e socios de 7H teñen das súas realidades e vicisitudes como cooperativistas do eido cultural.

18:00 h. A creación cultural como cooperación entre eidos, coloquio a cargo da Editorial Trymar, que contará coa escritora Eva del Pozo, o escritor Gabriel Romero de Ávila, e a concelleira de Vigo Teresa Egerique.