O cooperativismo reivindícase como mecanismo de transformación na economía local herculina



EspazoCoop e o Concello da Coruña celebraron no Ágora unha xornada para visibilizar os principais logros do convenio de colaboración que manteñen desde 2017 co fin de promover as oportunidades do modelo cooperativo no municipio.

A cooperación como receita innovadora, ética e sostible para mellorar a xestión da vida colectiva. É a principal conclusión da xornada “Dinamizando o local dende o cooperativismo”, organizada por EspazoCoop – Unión de Cooperativas Galegas e o Concello da Coruña para difundir e defender a capacidade transformadora no territorio local do cooperativismo, un modelo económico que deixa arredor de 22 millóns de euros anuais no municipio.

Ana Olveira, presidenta da asociación EspazoCoop, e Diana Sobral, concelleira de Comercio, Mercados e Barrios no goberno muncipal coruñés, inauguraron o programa de actividades, que atraeu até o Ágora a medio cento de persoas, coa reivindicación dos logros xurdidos da colaboración entre ambas institucións como fío condutor.

En palabras de Olveira, o convenio que desde hai un lustro manteñen a entidade que preside e a administración local supón “un exemplo do bo facer” no camiño cara a promover “un cambio de paradigma socioeconómico no que as persoas estean no centro das decisións”. Na mesma liña, Sobral afirmou a “aposta clara” do goberno municipal polo cooperativismo, destacando que, coma este, o Concello tamén practica políticas que tecen redes desde o colectivo para que A Coruña do futuro “teña un modelo comercial baseado no local”.

Esta filosofia sustentou as preto de 150 actividades e procesos de difusión, formación e asesoramento sobre cooperativismo e economía social desenvoltas ao abeiro do acordo, das que se beneficiaron arredor dun millar de persoas e das que xurdiron 22 novas cooperativas na cidade. Así o detallaron Patane García, integrante do equipo técnico de EspazoCoop na Coruña, Antón Ínsua, economista e secretario técnico de Coop57 Galiza, e Áitor Novo, socio da cooperativa Aventeira, nun relatorio a tres voces destinado a divulgar as ferramentas, recursos e eixos de acción promovidos ao abeiro do convenio.

A Coruña, un escaparate de proxectos cooperativos referenciais

O público da xornada, entre o que se atopaban os concelleiros Alberto Lema, de Marea Atlántica, Avia Veira, do BNG, e Antonio Deus, do PP, puido tamén coñecer algunhas das moi numerosas e diversas iniciativas que, baixo o modelo cooperativista, dinamizan o tecido social, cultural e económico coruñés.

As cooperativas participantes nas distintas actividades, entre as que se atopaban Alén (dedicada á consultoría e formación en economía circular), Arabías (centrada na coeducación, a intervención social e o desenvolvemento e mediación comunitaria desde unha perspectiva feminista), Hábitat Social (especializada en servizos no eido do urbanismo, a arquitectura e a intervención comunitaria). Ítaca Software Libre (destinada á consultoría e ao asesoramento informático), Simbiosis (centrada no eido da alimentación e a formación), Zocamiñoca (entidade que promove o consumo consciente, xusto e responsable) e 50pés Consultoras (especializada na asesoría económica) coincidiron en destacar a importancia de fortalecer a rede de colaboración intersectorial do tecido cooperativo da cidade.

Igualmente, as entidades implicadas, que tiveron oportunidade de compartir un encontro a porta pechada para avaliar a situación e demandas do sector, subliñaron a necesidade de atopar ferramentas comúns para afrontar o reto de lograr a viabilidade económica dos proxectos sen renunciar á sostibilidade e aplicación dos valores e principios cooperativos.

A xornada, que foi conducida pola actriz e comunicadora Diana Sieira, pechouse coa exhibición “ON”, espectáculo de danza contemporánea da compañía Exire, creada e interpretada pola socia da cooperativa Laboratorio Escénico Alba Fernández, quen tamén animou ás asistentes a improvisar movementos a través da interpretación corporal de diferentes conceptos.

O pase de diapositivas require JavaScript.