Celebración do X Aniversario da Rede Eusumo

Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, participou hoxe no acto de celebración do X Aniversario desta Rede, mantendo un coloquio con Covadonga Toca, Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, e Higinio Mougán, Director Xerente de Agaca

Este ano a Rede Eusumo cumpre 10 anos desde a súa creación e por este motivo hoxe tivo lugar un acto de celebración en Santiago de Compostela no que EspazoCoop estivo representado da man da súa Presidenta Ana Olveira.

Esta celebración polo X Aniversario comezou cun coloquio moderado por Covadonga Toca, Secretaria Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, no que participaron Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop e Higinio Mougán, Director Xerente de Agaca, dúas entidades que desde o comezo estiveron moi presentes e que co seu traballo e afán axudaron a facer da Rede Eusumo o que é hoxe. Dun xeito distendido e próximo, estes tres participantes falaron dos comezos da Rede, o seu funcionamento, obxectivos e éxitos alcanzados grazas ao apoio prestado por esta entidade.

Ana Olveira salientou a importancia da Rede Eusumo, “servindo como panca de cambio para a realidade que temos agora na economía social. A Rede Eusumo axudou a crear e consolidar o ecosistema que agora temos. Un ecosistema no que participan as diferentes administracións (autonómica, pero tamén provincial e municipal), as universidades e as entidades representativas e o tecido empresarial. Este ecosistema fixo, sen dúbida, que a situación mellorase moito sobre todo no que ten que ver coas políticas públicas, o estudo da economía social e o nacemento e consolidación de entidades en tempos que non eran os mellores”.

Entre os seus obxectivos fundacionais, a Rede Eusumo promove a divulgación de fórmulas solidarias, inclusivas e equitativas para xerar novas oportunidades para todas as galegas e galegos. De feito, Ana Olveira lembrou que precisamente EspazoCoop naceu dos proxectos de intercooperación promovidos por entidades que naceron ou melloraron baixo o paraugas da Rede.

O presente e o futuro en feminino da Economía Social

Nestes anos de Rede Eusumo o escenario da Economía Social cambiou de maneira radical, superando desafíos como o aumento da presenza de mulleres promotoras nas novas entidades deste modelo económico, ata o punto de chegar ao ano 2021 cunha maior representación de mulleres que de homes. Neste punto a Presidenta de EspazoCoop nomeou a figura de Alba Paz, “quen colleu a Rede nos seus primeiros pasos e a acompañou durante un longo período mimándoa e facendo que todas as entidades que formamos parte dela a sentísemos como propia. Eses traballos, na maioría das veces non visibles e moi pouco gratificantes son os que fan que proxectos coma estes se consoliden e medren. Esta forma de facer é a que por norma xeral nos caracteriza ás mulleres, a que se recoñece nos traballos de coidados. Gustaríame lembrar aquí que os coidados non só se dan no ámbito privado senón que tamén as organizacións e as empresas precisan ser coidadas. E estas actividades que son imprescindibles na maioría dos casos non son recoñecidas e moitas veces non cuantificables. Esta forma de facer é a mesma ca Economía Social e esta será a que compoña, sen dúbida, ese novo liderado feminino

Para rematar a súa intervención, Olveira reflexionou sobre o futuro da Economía Social e un dos seus retos principais, “axudar a darlle resposta as problemáticas que temos como sociedade (cambio climático, desigualdade, coidados, despoboamento) pero desde unha óptica diferente ao que levamos facendo até o de agora xa que as vellas fórmulas non valen e así téñeno demostrado. Temos que resolver problemas do SXXI con solucións deste século con propostas de innovación social pensadas desde este novo paradigma de sociedade”.

Gran representación de entidades da economía social e institucións públicas

Nesta celebración déronse cita unha gran representación de entidades da economía social e institucións públicas, entre as que estiveron Celso Gándara, Presidente de Foro pola Economía Social Galega, e María Jesús Lorenzana Somoza, Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, entre outras. Cooperativas, asociacións, universidades e demais axentes do tecido socioeconómico galego celebraron este X Aniversario da Rede Eusumo e coincidiron en salientar o seu importante papel ata agora e a esperanza de que prosiga e mellore a súa traxectoria.

Rede Eusumo

A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Xunta de Galicia para o fomento e o desenvolvemento da economía social. Con ela procúrase o fomento do espírito emprendedor prestando apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social.

A través da Rede Eusumo:

  • Préstase apoio directo á creación e consolidación de emprego con base na economía social.
  • Póñense a disposición das persoas e entidades interesadas medios para o emprendemento entre os que se inclúen as instalacións para albergar o inicio de proxectos empresariais de economía social.
  • Impúlsase o modelo empresarial no ámbito local, a través de accións de formación, divulgación e asesoramento para o autoemprego na economía social.

Entre os obxectivos que persegue está proporcionar información, formación, orientación e asesoramento no ámbito cooperativo e de economía social, acompañar e asesorar proxectos empresariais cooperativos e de economía social, promocionar as tecnoloxías da información e comunicación así como o impulso da I+D+i e do traballo en rede e apoiar a comercialización e internacionalización das entidades de economía social, promovendo encontros internacionais e transfronteirizos para o intercambio comercial e a cooperación empresarial.