O COOPERATIVISMO, PRESENTE NA PLACEMAKING WEEK EUROPE DE PONTEVEDRA
A Unión de Cooperativas EspazoCoop estará presente en varias das actividades deste Congreso.
Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2022. No día de hoxe inaugurarase a Placemaking Week Europe de Pontevedra, o maior evento europeo para analizar e reflexionar sobre o impacto da creación de espazos. E como non podía ser doutra maneira, o cooperativismo tamén estará presente da man de varios membros do Consello Rector da Unión de Cooperativas EspazoCoop, que participarán en varias das actividades do programa.
O cooperativismo fomenta un desenvolvemento económico sustentable, o que ten un gran impacto no espazo físico da súa contorna e nas accións urbanísticas que se levan a cabo nas cidades. A estreita vinculación do cooperativismo co territorio ponse de manifesto nas entidades cooperativas, que repercuten de maneira favorable nel grazas aos seus valores sociais, principios fundamentais que impulsan o desenvolvemento económico da súa comunidade. De feito, hai diferentes solucións que están baseados nun cooperativismo habitacional, como pode ser o cohousing e a vivenda cooperativa para divulgar novos modelos de habitar e vivir, enfocado para todas as etapas da vida.
Segundo Ana Olveira, Presidenta da Unión de Cooperativas EspazoCoop, “hai moitos exemplos no mundo da importancia do cooperativismo á hora de facer e construir cidade: por exemplo, a cidade estadounidense de Richmond decidiu impulsar un programa de creación de cooperativas entre a poboación desempregada cos obxectivos de favorecer a creación de emprego e poder construir cidade grazas a estas entidades”.
As cooperativas contribúen á cohesión económica, social e territorial no marco dun desenvolvemento urbano sustentable. Na Placemaking Week Europe de Pontevedra falarase de cidades saudables, e nisto, o cooperativismo ten moito que sumar para deseñar planificacións urbanas lóxicas, que favorezan á comunidade e que acheguen solucións creativas e participativas para as cidades do futuro.
En Galicia hai varias iniciativas cooperativas que tratan de mellorar as relacións entre as persoas e destas co medio, natural ou construído. Entre elas podemos atopar a Hábitat Social, unha cooperativa galega sen ánimo de lucro integrada por un grupo de profesionais, esencialmente dos eidos da arquitectura e urbanismo que investigan e interveñen na complexa realidade que habitamos; SeteOitavas, unha cooperativa formada por profesionais da arquitectura e do urbanismo que, en colaboración con outros equipos multidisciplinares, traballan a escala territorial, arquitectónica e persoal e comunitaria; ou Noso, unha cooperativa que traballa en desenvolver estratexias e proxectos culturais de carácter innovador para o desenvolvemento local e a dinamización do territorio.
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.