O cooperativismo galego participa na xuntanza do Consello Estatal para o Fomento da Economía Social

A Unión de Cooperativas EspazoCoop estará representada pola súa Presidenta, Ana Olveira, vogal do Consello.

 

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2022. No día de hoxe ten lugar en Santiago de Compostela a xuntanza do Consello Estatal para o Fomento da Economía Social, coincidindo coa capitalidade da Economía Social de Santiago de Compostela durante este ano, e nela participará EspazoCoop da man da súa Presidenta, Ana Olveira, vogal do Consello como representante da Confederación Empresarial Española de la Economía Social (CEPES).

Despois de máis de 11 anos sen xuntanzas, este órgano foi reactivado este ano, un feito moi ben valorado por EspazoCoop tendo en conta que este modelo económico supón o 10% do PIB de España e xera 2,3 millóns de empregos.

Segundo Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop e participante no Consello, “o cooperativismo é un modelo económico que funciona en Galicia, a nivel estatal e en todo o mundo. Só na comunidade hai máis de 7.000 entidades e empresas da economía social e en 2021, a pesares da situación pandémica, creáronse en Galicia 174 novas cooperativas. A economía social é unha forza chave no mercado laboral galego, onde representa o 7% do PIB polo que é fundamental ter un órgano estatal que fomente este modelo”.

O Consello Estatal para o Fomento da Economía Social ten como obxectivo asesorar e servir de órgano consultivo do Goberno neste ámbito, instaurando, tras unha década de letargo, unha dinámica de diálogo estruturada e colaborativa entre as diferentes administracións vinculadas á Economía Social. Todo iso prodúcese nun momento de especial alento para esta forma de incentivar este modelo produtivo, coa aprobación no pasado mes de decembro na Unión Europea (UE) do primeiro Plan de Acción de Economía Social, que sitúa por fin a Economía Social nun lugar destacado da axenda comunitaria.

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.