O cooperativismo cultural reivindica en Galicia a cultura como dereito
Tres días de encontros en Santiago, A Coruña e Pontevedra reunirán ao cooperativismo cultural de todo o Estado
As xornadas SOMOS CULTURA, SOMOS COOP deron comezo o mércores 26 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, nun acto inaugural no que participaron Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, e Amaya Delgado, Directora de Coceta. A inauguración marcou o inicio dun programa que situará a Galicia como punto de encontro estatal do cooperativismo cultural durante os días 26, 27 e 28 de novembro.
Na súa intervención, Ana Olveira destacou “a oportunidade histórica de situar a Galicia como referencia no cooperativismo cultural a nivel estatal e de reforzar o papel das cooperativas na defensa da cultura como dereito”. Pola súa banda, Amaya Delgado sinalou que “o cooperativismo cultural está a vivir un momento de consolidación e recoñecemento, e este encontro permite conectar experiencias diversas para avanzar nun modelo máis sostible, participativo e transformador”.
A primeira xornada reuniu a cooperativas culturais galegas e doutras comunidades autónomas —Valencia, Andalucía, Cataluña e Madrid— nunha sesión con relatorios, mesas de debate e exposición de boas prácticas. A sesión da mañá das xornadas SOMOS CULTURA, SOMOS COOP desenvolveu unha completa análise sobre o papel do cooperativismo no sector cultural, as políticas públicas que o sustentan e as oportunidades de dinamización das industrias culturais e creativas desde a Economía Social. Pola tarde, as participantes realizaron unha visita á cooperativa Creativas Galegas e foron recibidas no Concello de Santiago, fortalecendo a conexión co ecosistema cultural da cidade.
Un encontro para fortalecer o ecosistema cultural cooperativo
As xornadas SOMOS CULTURA, SOMOS COOP están organizadas por EspazoCoop, en colaboración con Coceta, e insírense no marco do Ano Internacional das Cooperativas 2025. O encontro ten como obxectivo impulsar a intercooperación, reforzar a colaboración público-privada e visibilizar o crecemento do cooperativismo no ámbito das industrias culturais e creativas, un sector en expansión que combina impacto social, creación contemporánea, innovación e novas formas de participación cidadá.
O programa, que se estende por tres cidades galegas, inclúe espazos de traballo, visitas profesionais, actividades colaborativas e encontros con institucións culturais.
Programa das xornadas
26 de novembro – SANTIAGO DE COMPOSTELA
CULTURA NO ANO INTERNACIONAL DAS COOPERATIVAS 2025
Cidade da Cultura – Sala Eisenman
- Mesas de debate sobre políticas culturais e retos do sector.
- Relatorios de boas prácticas cooperativas.
Recepción institucional no Concello de Santiago.
Visita a Comunidade Creativa, S. Coop. Galega
27 de novembro – BERGONDO – A CORUÑA
A CULTURA É UN DEREITO: IMPULSANDO O SECTOR CULTURAL COOPERATIVO
Pazo Provincial da Deputación
- Relatorios sobre programas culturais da Deputación da Coruña.
Visita ao Teatro Colón e Roteiro Cooperativo pola cidade.
Pazo de Mariñán
- Sesión de co-creación no marco do proxecto estatal CULTURACOOP
28 de novembro – PONTEVEDRA
O COOPERATIVISMO CULTURAL: MOTOR DE FUTURO
Culturgal – Pazo da Cultura
- Visita á feira e participación na inauguración oficial.
- Intercambio con outras feiras e eventos culturais do Estado.
- Presenza no Stand da Economía Social Galega.
Estas xornadas contan co apoio de:
- Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través de AGADIC
- Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
- Deputación da Coruña
- Rede Eusumo
- Ministerio de Trabajo y Economía Social
E coa colaboración do:
- Concello de Santiago
- Concello da Coruña
- Culturgal
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.
Leave A Comment