O Concello da Coruña apoia o Ano Internacional das Cooperativas 2025 cunha declaración institucional

O pleno do Concello da Coruña celebrado hoxe contou coa lectura da Declaración Institucional do Concello da Coruña polo Ano Internacional das Cooperativas 2025, un recoñecemento institucional ao movemento cooperativo.

Esta declaración institucional pon en valor a importancia do cooperativismo como modelo empresarial e social fundamental para o desenvolvemento sostible e equitativo da sociedade.

Visibilización do cooperativismo coruñés

Durante a lectura da declaración no pleno estiveron presentes membros do Consello Reitor de EspazoCoop, entidade representativa do cooperativismo galego que impulsa esta iniciativa en diferentes concellos da comunidade autónoma.

A declaración destaca a contribución das cooperativas ao desenvolvemento local e á creación de emprego de calidade na cidade da Coruña e en Galicia, recoñecendo o papel fundamental que desempeñan no tecido empresarial e social: “As cooperativas  representan unha forza clave no tecido económico e social da nosa cidade. Son indispensables para o desenvolvemento local e permiten responder a retos como a transición ecolóxica, a cohesión social e a innovación, demostrando que é posible combinar progreso económico e respecto ambiental”.

O obxectivo principal desta iniciativa é visibilizar o papel fundamental que desempeñan as cooperativas no tecido empresarial e social galego, promovendo valores de solidaridade, democracia económica e compromiso co territorio.

Un marco de recoñecemento institucional ao cooperativismo

A lectura desta declaración institucional no pleno coruñés supón un recoñecemento público á labor das cooperativas galegas e ao seu compromiso cos valores cooperativos universais, consolidando así o apoio institucional ao cooperativismo na comunidade autónoma.

 

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.