O CES apoia a declaración do cooperativismo galego polo Ano Internacional das Cooperativas 2025

 

A proposta da representación da economía social no CES-Galicia, a Comisión Permanente aprobou na súa sesión do día 4 de decembro o apoio do organismo á declaración do cooperativismo galego polo Ano Internacional das Cooperativas 2025.

O Consello Galego de Cooperativas, órgano consultivo e representativo do cooperativismo de Galicia, fixo pública con esta declaración a satisfacción pola decisión da Organización das Nacións Unidas (ONU) de declarar este ano 2025 como Ano Internacional das Cooperativas, baixo o lema —que facemos propio— “As cooperativas constrúen un mundo mellor”.

Os obxectivos do Ano Internacional das Cooperativas 2025 foron:

  • Concientizar ao público: Destacar as contribucións das cooperativas ao desenvolvemento sostible.
  • Promover o crecemento e o desenvolvemento: Fortalecer o ecosistema emprendedor e a creación de cooperativas.
  • Avogar por marcos de apoio: Fomentar a creación de contornas xurídicas e políticas propicias para as cooperativas a nivel mundial.
  • Inspirar liderado: Fomentar un liderado con propósito e involucrar aos mozos no movemento cooperativo.

DECLARACIÓN: NESTE ENLACE

*EspazoCoop fai parte do Consello Galego de Cooperativas xunto a outras entidades do movemento cooperativo galego e vén promocionando e apoiando o Ano Internacional das Cooperativas 2025 declarado pola Organización das Nacións Unidas ao longo deste ano.

*O CES – Consello Económico e Social – é un órgano consultivo da Xunta de Galicia creado para facilitar a participación dos axentes socioeconómicos e dos representantes da sociedade civil organizada na vida económica, social e cultural desta terra e no proceso de toma de decisións. O CES configúrase como un foro permanente de diálogo e deliberación entre os axentes económicos e sociais e os poderes políticos. Desde a súa creación, o Consello foi concibido, ademais de como foro plural e cualificado, como un órgano marcado pola súa independencia.