Nutre en Bio teñen como actividade o cultivo e comercialización de alimentos ecolóxicos, directamente da horta á mesa, está formada por varios produtores y produtoras das comarcas do Baixo Miño, Condado e Paradanta.
Destacan as súas cestas de produtos da horta a domicilio, horta de tempada escollida no seu mellor momento.
Actualmente teñen un posto de venda ao público no céntrico Mercado do Progreso de Vigo (posto nº 10), na rúa Progreso 28.
O Tempo da Aldea Sociedade Cooperativa Galega nace co obxectivo de poñer en valor e explotar os recursos da parroquia de Rebordechán (Crecente) para crear emprego e diminuír o risco de incendios, para darlle nova vida á aldea.
Rebordechán (Crecente) é unha parroquia duns 50 veciños e veciñas, Unha aldea de tantas, desas que hai espalladas por Galicia con demasiados funerais e ningún nacemento. Para evitar o último dos enterros, o da aldea en si mesma, quixeron dar pasos importantes.
No ano 2007 a Comunidade de Montes promoveu un proxecto de recuperación integral da parroquia baseado no aproveitamento dos recursos propios. Moito tempo despois, o 26 de xuño de 2014, o Concello de Crecente, previo informe favorable da Xunta, aprobou darlle licenza de obra para a construción dun establo para cabras, a instalación dun invernadoiro para horta ecolóxica e a dun campamento con tenda e restaurante incluído.
Os 79 socios e socias están hoxe máis convencidos e convencidas que nunca de poder adaptar os vellos recursos ás novas demandas, de poder demostrar non só que a aldea está viva, senón que lle queda moita vida por diante.
Catro Ventos Editora xorde da combinación de dous elementos igual de importantes:
o desexo de poder desenvolver unha actividade profesional que non só sexa viable economicamente, mais tamén coherente cos principios éticos das persoas socias que participan no proxecto; e a constatación de que existe un baleiro no mundo editorial galego nos eidos da economía social e da ecoloxía, malia o crecente interese da sociedade en xeral por estas cuestións.
Son cooperativa de traballo asociado sen ánimo de lucro.
Xeracción ten como actividade principal a intervención sociocomunitaria. Formada por un equipo procedente de diversos ámbitos da acción social (integración social, mediación social, traballo social e psicoloxía) que está implicado co desenvolvemento comunitario.
Os servizos de intervención socio comunitario están dirixidos a entidades, públicas e privadas, e a particulares, fundamentándose en tres piares, a participación cidadá, o feminismo e a mediación.
Servizos:
Participación e dinamización comunitaria
Consultoría de xénero
Mediación
Atención e orientación psicolóxica individual e grupal
Políticas sociais