Illa Bufarda, Rexenerando e Mendiño destacan nos premios do Día do Cooperativismo 2025

 

Tres cooperativas socias de EspazoCoop foron galardoadas na celebración do Día do Cooperativismo deste ano: Illa Bufarda, Rexenerando e a Sociedade Cooperativa Galega Mendiño.

Illa Bufarda: mellor proxecto cooperativo novo

A cooperativa Illa Bufarda foi distinguida co Premio ao mellor proxecto cooperativo novo, un galardón que recoñece máis dunha década de evolución no sector audiovisual e da comunicación. Tras comezar como proxecto informal no 2012, a cooperativa consolidouse definitivamente no verán de 2023, cando adoptou a forma xurídica cooperativa.

O espírito cooperativo estivo sempre presente na maneira de traballar e na esencia da Illa Bufarda, polo que sentimos que, por fin, a nosa forma xurídica é coherente coa nosa maneira de entender e facer as cousas“, destacan as súas socias.

Esta produtora audiovisual destaca pola súa versatilidade e o seu compromiso coa preservación da memoria colectiva e a difusión das linguas minorizadas, visibilizando realidades que a miúdo quedan fóra dos circuítos comerciais.

Rexenerando: valores cooperativos 

Na modalidade de Premio aos valores cooperativos, Rexenerando foi a cooperativa galardoada, recoñecendo o seu compromiso inquebrantable cos principios fundamentais do movemento cooperativo tras 11 anos de traxectoria.

Sentimos que todos os valores que definen o cooperativismo nos moven, están presentes na nosa práctica“, explican desde a cooperativa, destacando especialmente a axuda mutua, a igualdade e a responsabilidade como pilares da súa actividade diaria.

Para Rexenerando, este recoñecemento supón “unha alegría, por recoñecer todo o que está na nosa memoria” e representa un impulso para seguir traballando na transformación social e na promoción de valores máis xustos e sostibles.

 

Mendiño: innovación educativa cooperativa

A Sociedade Cooperativa Galega Mendiño obtivo o accésit na modalidade Proxectos empresariais cooperativos co proxecto “Maruxía”, desenvolvido por estudantes do Ciclo Medio de Actividades Comerciais baixo a dirección da docente Paola Bar.

“Maruxía” propón conectar persoas xoves interesadas en aprender navegación a vela con persoas senior dispostas a compartir a súa experiencia e embarcación. O equipo, formado por Aimar González, Ainhoa Magaz e Lara Rodríguez, destaca que a fórmula cooperativa aporta “unha estrutura democrática e participativa” e “favorece a un reparto xusto de beneficios“.