Grazas, Mar, por facer que o cooperativismo nacera con corazón

 

O pasado 5 de xullo, na celebración do Día do Cooperativismo, vivimos un deses momentos que quedan gardados na memoria: rendémoslle homenaxe a Mar Pernas, compañeira e referente.

O Consello Galego de Cooperativas quixo rendir esta homenaxe por levar toda a súa vida vencellada ao cooperativismo, polo que é unha obriga recoñecer, con emoción e gratitude, unha traxectoria vital e profesional que é parte da historia do cooperativismo galego. Porque Mar leva toda unha vida adicada, con paixón e constancia, ao impulso do noso movemento.

Foi xerenta de Ugacota, a primeira Unión de Cooperativas de Traballo en Galicia, aló polos finais dos anos 80. E, tras a fusión que deu lugar a EspazoCoop, seguiu camiñando con nós, entregando saber, tempo e coidado como responsable de Relacións Institucionais. Sempre atenta, sempre disposta, sempre presente.

A Mar témola visto tender pontes, abrir camiños e defender o valor do común en cada espazo no que estivo. Sen ruído, pero con forza. Con firmeza e tamén con tenrura. O seu traballo foi sementar, acompañar e fortalecer, facendo que moitas cooperativas naceran e medraran.

Díxoo con moito tino Xaime López, socio fundador de Urdime, no vídeo desenvolto para a homenaxe:

Grazas por facer que as nosas cooperativas naceran con corazón

Non hai mellor resumo. Porque así foi. Así é Mar.

De parte de todas as persoas que formamos EspazoCoop e o cooperativismo galego:

Grazas, Mar. Pola entrega. Pola presenza. Polo corazón.

Vídeo homenaxe a Mar Pernas

O pase de diapositivas require JavaScript.