Especialistas de vinte países debaten en Vigo o papel das comunidades enerxéticas rurais na transición enerxética en Europa

A conferencia organizada hoxe polo proxecto europeo EC4RURAL permitiu xerar sinerxías, intercambiar experiencias e fortalecer novas redes para fomentar a colaboración entre representantes de comunidades enerxéticas rurais de toda Europa, así como grupos de acción local, investigadores, asociacións e autoridades públicas a nivel europeo.

Na Unión Europea, as rexións rurais representan o 44,6% da superficie e nelas vive o 20,8% da poboación total dos estados membros. A pesar de que adoitan contar con abundantes recursos naturais, estas zonas caracterízanse polo envellecemento demográfico, o despoboamento, a falta de oportunidades laborais ou a insuficiencia de infraestruturas. Estas dificultades tradúcense a miúdo en pobreza enerxética debido ás desorbitadas tarifas enerxéticas, polo que en diversos puntos de Europa comezaron a xurdir alternativas: as comunidades enerxéticas rurais, unha resposta de acción social e colectiva que aposta pola produción de enerxías renovables e a venda de excedentes enerxéticos. Para avanzar no seu desenvolvemento, este mércores 1 de outubro a Universidade de Vigo acolleu a celebración da conferencia europea Comunidades enerxéticas rurais: tendendo pontes entre a acción local e a transición cara a enerxías limpas organizada polo consorcio do proxecto europeo EC4RURAL, cofinanciado polo programa LIFE da Unión Europea.

O simposio reuniu a máis de 120 persoas procedentes de 20 países, incluíndo representantes de comunidades enerxéticas e de grupos de acción local, persoal investigador, asociacións, organizacións implicadas en comunidades enerxéticas, autoridades locais e rexionais e persoas comprometidas coa transición enerxética limpa comandada pola cidadanía a través dunha participación activa e xusta.

A cita, con sede na Facultade de Filoloxía e Tradución, permitiu xerar sinerxías, intercambiar experiencias e fortalecer novas redes para fomentar a colaboración entre as persoas relacionadas co ámbito das transicións enerxéticas rurais e, especialmente, as comunidades enerxéticas presentes en toda Europa. Ademais, dado que o evento coincide co ecuador do proxecto EC4RURAL, serviu tamén para mostrar os progresos alcanzados nos dous primeiros anos de traballo deste consorcio de dez socios de tres países (España, Estonia e Bélxica) que botou a andar en setembro de 2023 cun orzamento de 1,6M.

Unha aposta pola participación cidadá e as redes locais

No acto de apertura participaron a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da Universidade de Vigo, Belén Rubio; o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela; e Xavier Simón, coordinador de EC4RURAL e catedrático da UVigo. A vicerreitora puxo en valor o espírito que subxace no proxecto EC4RURAL, “conectar xente, territorio e coñecemento” para avanzar cara a “transición enerxética sustentable”. Neste sentido, lembrou que a UVigo está plenamente aliñada coa procura da sustentabilidade e a responsabilidade social, pondo en marcha diferentes medidas de aforro enerxético, substitución de fontes tradicionais de enerxía por alternativas limpas e renovables ou redución da súa pegada enerxética.

Pola súa banda, o presidente da FEGAMP lembrou que a transición enerxética deixou de ser unha opción para converterse nun deber ético, social e económico e, neste contexto, as comunidades enerxéticas rurais están a demostrar que son capaces de “transformar o modelo de produción, xestión e consumo de enerxía”. Entre as súas vantaxes, Varela recalcou que “democratizan a enerxía, permiten que os veciños, as empresas locais e as administracións compartamos recursos, reduzamos custos e xeremos beneficios ambientais e sociais”. Alberto Varela tamén fixo fincapé na necesidade de colaboración entre administración local e rexional, cidadanía, asociacións, comunidades de montes, empresas e grupos de desenvolvemento rural para “facer fronte aos retos técnicos, xurídicos e económicos que presenta a implantación das comunidades enerxéticas”.

Espellos no que mirarse

Trala apertura, o congreso arrincou coa intervención de Antti Roose, da Universidade de Tartu, e Xavier Simón que se encargaron de actualizar a evolución de EC4RURAL, que ten unha duración total de catro anos e do que forman parte ademais da UVigo, a Universidade de Tartu (Estonia), a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional da Enerxía de Tartu, a cooperativa Sapiens Enerxía, a Unión LEADER de Estonia, EspazoCoop, a Fundación Juana de Veiga e a Asociación Europea de Grupos LEADER para o Desenvolvemento Rural, de Bélxica. O proxecto comprende a posta en marcha en Estonia e España de comunidades enerxéticas rurais que produzan electricidade mediante paneis fotovoltaicos sobre tellados de edificios públicos. Está previsto o desenvolvemento de 34 casos de estudo en 12 municipios rurais de Estonia e 22 de Galicia, o que implica actuar sobre preto de 2.700 hectáreas e 94.000 habitantes.

O proxecto, explicaba Xavier Simón, baséase en tres alicerces fundamentais. Por unha banda, traballar “de abaixo a arriba, xa que a transición cara a enerxía limpa debe basearse na cooperación activa a nivel local, impulsada polas comunidades locais”. Por outra banda, trabállase asumindo que “non existe unha única solución aplicable para todos os casos”, senón que se deben adaptar as propostas a cada circunstancia e lugar e, finalmente, o consorcio aposta por traballar de maneira colaborativa e compartir o coñecemento.

Tras os dous primeiros anos de traballo, valoraba Simón, “non estamos no punto no que queriamos, atopamos atrancos, pero tamén estamos a aprender deles”. No entanto, apuntaban, Simón e Roose, estas contornas rurais son ricas en recursos naturais, como a enerxía solar que é gratuíta, e ofrecen espazos nos tellados dos edificios públicos para a instalación das tecnoloxías “sen ter que competir con outro tipo de usos”. Ademais, ambos os expertos sinalaron que a fotovoltaica é “unha tecnoloxía barata, máis que hai 15 anos”, e que se conta cun marco legal europeo, con transposicións a nivel estatal, que ampara o autoconsumo colectivo. “Máis que ambiciosos -valoraba Simón- temos que ser realistas e centrar os nosos esforzos en dar a coñecer aquelas pequenas comunidades enerxéticas rurais Nota de prensa 3 que sexan un espello no que mirarse. É dicir, que sexan casos de éxito por utilizar investimentos pequenos e solucións técnicas fáciles que poida manexar calquera persoa.”

Neste sentido, os asistentes puideron escoitar en directo a experiencia de REScoop.eu, a federación europea de comunidades enerxéticas, e de representantes de catro comunidades enerxéticas de Austria (*ÖkoEnergieland), Croacia (Axencia de Enerxía do Noroeste), España (PRETO; Calatayud, Aragón) e outra transfronteiriza entre España-Portugal (Efiduero) con diferentes grao de desenvolvemento, forma xurídica, antigüidade e contexto social.

Xa na terceira e última parte da mañá, Eugenia Bonifazi, da consultora Ricardo Energy & Environment, e Achille Hannoset, da DG ENER (Comisión Europea) centraron as súas intervencións nas políticas da Unión Europea para emponderar á cidadanía.

A sesión de tarde estivo dedicada a presentar máis dunha ducia de propostas de investigación e innovación sobre ferramentas, modelos e casos prácticos e sobre xustiza social, gobernanza e redes comunitarias.

Reunión anual de EC4RURAL, os días 2 e 3

O xoves e venres, a Facultade de Ciencias Económicas acollerá a reunión anual do proxecto EC4RURAL coa participación de representantes do dez entidades no consorcio. O programa de traballo inclúe tamén unha visita ao Concello do Rosal, onde está previsto implantar unha das comunidades enerxéticas rurais do proxecto.