EspazoCoop participa na entrega das Medallas Emilia Pardo Bazán 2022
A Unión de Cooperativas EspazoCoop participou este martes 20 de setembro na entrega da edición deste ano destas Medallas que recoñeceron o traballo da Asociación Íntegro, Cristina Fernández (primeira fareira de Galicia) e a Fundación María José Jove.
Este martes 20 de setembro entregáronse na Coruña as Medallas Emilia Pardo Bazán 2022, acto no que participou EspazoCoop cunha representación do seu Consello Reitor. Estes premios, entregados pola Xunta de Galicia, recoñocen o labor de entidades ou persoas que constrúen unha sociedade máis equitativa baseada nos principios de igualdade de oportunidades, xustiza e solidariedade.
As gañadoras destas Medallas no ano 2022 son a Asociación Íntegro, entidade con 30 anos de traxectoria cunha gran experiencia na integración nos seus programas da perspectiva de xénero de maneira transversal e tamén o establecemento de medidas de conciliación entre o seu persoal, integrado nun 87,5% por mulleres. Foi premiada polo seu traballo con mulleres con discapacidade en favor da inclusión social e a igualdade.
Tamén é recoñecida polo seu traballo Cristina Fernández, a primeira fareira de Galicia e segunda de España, quen leva 48 anos como gardiá do faro de Cabo Vilán, o primeiro que funcionou con luz eléctrica en todo o Estado e que se sitúa nun dos puntos de navegación máis complicados na Costa da Morte. Cristina Fernández é fareira desde 1977 tras aprobar en 1972 a primeira oposición na que puideron participar as mulleres.
Pola súa banda, a Fundación María José Jove é recoñecida cunha das medallas deste ano ao poñer en valor o traballo que desenvolve con menores expostos a situacións de violencia de xénero que teñen como un dos eixos principais o desenvolvemento de terapia con cans nas áreas metropolitanas de Betanzos, Curtis e Cambre, na provincia da Coruña.
Desde EspazoCoop enviamos os nosos parabéns ás tres gañadoras deste certame das Medallas Emilia pardo Bazán.