EspazoCoop participa na Asemblea Xeral da ACI en Manchester, no marco do Ano Internacional das Cooperativas 2025
Este 2 de xullo de 2025, a Alianza Cooperativa Internacional iniciou en Manchester unha Asemblea Xeral histórica, coa participación de EspazoCoop como representante do cooperativismo galego. O evento célébrase en pleno Ano Internacional das Cooperativas e na conmemoración dos 130 anos da ACI.
A Alianza Cooperativa Internacional (ACI) iniciou oficialmente a súa Asemblea Xeral en Manchester, Reino Unido, no marco do segundo Ano Internacional das Cooperativas proclamado polas Nacións Unidas e a celebración dos 130 anos de historia da ACI.
Este encontro, organizado polo Grupo Cooperativo e Co-operatives UK, marca o inicio dunha semana conmemorativa do cooperativismo global, que culminará o sábado 5 de xullo coa celebración do Día Internacional das Cooperativas. O evento reúne a delegados de todo o mundo para fortalecer os vínculos do movemento cooperativo e proxectar o seu impacto no desenvolvemento sostible.
EspazoCoop representa a Galicia na Asemblea de Manchester
EspazoCoop participa activamente na Asemblea Xeral da ACI en Manchester, representando os intereses do cooperativismo galego neste foro internacional de máximo nivel. A presenza da organización galega reflicte o compromiso coa defensa dos valores cooperativos e a promoción do modelo cooperativo como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico sostible. A participación de EspazoCoop nesta Asemblea faise posible grazas á súa integración nas entidades confederadas estatais, especialmente a través de COCETA (Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado), que é a organización directamente convocada pola ACI. Esta estrutura confederativa permite que as cooperativas galegas accedan aos espazos internacionais de toma de decisións do cooperativismo mundial, ampliando así a súa influencia e capacidade de incidencia máis aló das fronteiras autonómicas. De feito, por primeira vez EspazoCoop forma parte do comité de Xénero da ACI, reforzando a nosa presenza internacional e o noso compromiso coa igualdade.
A participación de EspazoCoop neste evento histórico permite establecer contactos estratéxicos con organizacións cooperativas de todo o mundo, intercambiar experiencias e coñecer as mellores prácticas que poidan ser aplicadas no ámbito galego.
Leave A Comment