EspazoCoop lanza a campaña “Xa somos máis de 600 coop. A Coruña, provincia cooperativa”
Con esta campaña EspazoCoop quere poñer en valor o tecido cooperativo da provincia da Coruña e fomentar o cooperativismo entre persoas que estén no proceso de constitución dunha empresa, queran emprender o busquen transformar unha compañía nunha cooperativa.
A Unión de Cooperativas de Galicia, EspazoCoop, lanza esta semana a campaña “Xa somos máis de 600 coop. A Coruña, provincia cooperativa”, unha iniciativa desenvolta en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña. A través desta campaña EspazoCoop quere poñer en valor o tecido socioeconómico da Coruña, provincia cun maior número de cooperativas das existentes en Galicia. En total, con máis de 600 cooperativas, a provincia da Coruña aglutina preto dun 40 % das 1.600 cooperativas actuais da comunidade.
Durante o mes de decembro, esta campaña desenvolta en radio, prensa escrita, medios de comunicación online, redes sociais e publicidade na rúa de gran formato, transmitirá os valores cooperativos e amosará a importancia das cooperativas na actividade económica da provincia da Coruña. De feito, estas máis de 600 cooperativas pertencen a sectores económicos moi diversos como o ensino, o rural, a cultura, a tecnoloxá, os servicios sociais e coidados…
Valores cooperativos da campaña
Nesta campaña EspazoCoop non só quere fomentar o cooperativismo entre as persoas que aínda non forman parte del; tamén busca aumentar o sentimento de pertenza das entidades da economía social, xa que os valores cooperativos poden ser un exemplo para unha sociedade máis xusta, e as persoas socias e traballadoras nas cooperativas desenvolven o seu labor nunhas condicións máis humanas e satisfatorias que no caso das empresas mercantís ao uso.
Os valores que transmitirá esta campaña son:
- Diversidade: polo gran número de sectores nos que o cooperativismo está presente.
- Versatilidade (peso da área rural): as cooperativas representan unha saída laboral e vital para moitas persoas que viven nas áreas rurais ou en vilas medianas e pequenas da provincia.
- Xuventude: a vía cooperativa é unha opción cada vez máis estendida entre a poboación máis nova e as emprendoras, conectando mellor cun enfoque de traballo participativo, aberto e flexible.
- Sectores emerxentes: cada vez tense máis en conta as cooperativas como vía elixida para poñer en marcha iniciativas empresariais innovadoras e adaptadas ás demandas do escenario económico actual.
- Compromiso: o cooperativismo representa uns valores que cada vez están máis presentes na sociedade e tamén á hora de poñer en marcha un proxecto económico: traballo de calidade, respecto medioambiental, intercooperación, etc.
- Resiliencia: o modelo cooperativo demostrou ser unha das respostas empresariais que mellor resistiu primeiro a crise e despois a pandemia. Menos ceses de actividade e peches de empresas, maior creación de proxectos e postos de traballo, mesmo nos anos máis duros.
- Ferramenta para dar continuidade á actividade empresarial, ou transformar unha empresa: o cooperativismo é unha ferramenta cada vez máis estendida para a reconversión de empresas mercantís en crise ou negocios que creban e son recuperados polas persoas traballadoras.
- Emprego de calidade: un valor das cooperativas é a aposta polo emprego de calidade das súas persoas socias e traballadoras. Ao ser elas mesmas as que toman as decisións sobre a empresa, priman os dereitos laborais e a estabilidade laboral sobre os beneficios.
- Igualdade: como valor estratéxico, onde a participación das mulleres é fundamental no cooperativismo, sendo máis do 40% das socias fundadoras das cooperativas galegas. No último ano, máis da metade das promotoras de cooperativas en Galicia eran mulleres (un 55% no caso da provincia da Coruña).
- Calidade de vida: as cooperativas representan uns valores e optan por un modelo de organización e traballo que respectan os ritmos e as necesidades das persoas socias e traballadoras, permitindo unha maior flexibilidade nos tempos e na dedicación.
- Motor da economía: a Economía Social representa a nivel estatal preto dun 10% do PIB, eun 12,5% do emprego. As cooperativas galego xogan un papel fundamental neste eido, representando xunto coas sociedades agrarias un motor económico fundamental no noso país.
O lanzamento desta campaña coincide coa designación de Santiago de Compostela como Capital Española da Economía Social no ano 2022, amosando o apoio e o recoñecemento público que recibe a economía social na provincia e mellorando o coñecemento do modelo entre a poboación.
Material de difusión e promoción