EspazoCoop fortalece o cooperativismo galego con asesoramento especializado a preto de 50 entidades
EspazoCoop presentou en Vigo os resultados do programa CONSOLIDA+ 2024/2025, unha iniciativa que consolidou o traballo con preto de 50 de cooperativas galegas durante o último ano. O programa, financiado coa colaboración da Xunta de Galicia a través das subvencións da Rede Eusumo da Consellería de Emprego e Igualdade, investiu 43.000 € na mellora da competitividade e sostibilidade do sector cooperativo.
A xornada de clausura celebrouse na sede da cooperativa A Morada, e reuniu a representantes das cooperativas beneficiarias, que compartiron experiencias e avances acadados grazas ao acompañamento técnico de EspazoCoop. O acto contou tamén con espazos de intercambio e networking entre diferentes actores da economía social galega, así como con relatorios de persoas expertas como Mónica Pena, técnica da Oficina Económica de Galicia, e representantes de cooperativas usuarias do programa como Númax, Simbiosis e 7H Cooperativa Cultural. O peche institucional estivo a cargo de Marta Mariño, Directora Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, acompañada por Claudia Rodríguez, do Consello Reitor de EspazoCoop.
Un programa adaptado ás necesidades reais
A Unión de Cooperativas EspazoCoop prestou a través de CONSOLIDA+ servizos de asesoramento e acompañamento a cooperativas en funcionamento en distintos ámbitos e áreas de interese que inciden na súa mellora e consolidación empresarial. O apoio abarcou desde a diagnose inicial e a análise de áreas como a comercial, organizativa ou económico-financeira, ata a planificación de medidas que favorezan a evolución das cooperativas participantes.
En total, despregouse un equipo técnico especializado que proporcionou 750 horas de asesoramento personalizado, distribuídas entre entidades cooperativas de diferentes sectores e tamaños. A metodoloxía flexible do programa permitiu adaptar a intensidade do apoio: desde intervencións puntuais de 7-10 horas ata acompañamentos intensivos de máis de 35 horas para procesos de transformación profunda.
Diversidade de sectores e perfís atendidos
Os datos revelan a amplitude do impacto conseguido por EspazoCoop:
- 25% das cooperativas beneficiarias pertencen ao sector de ensino, con traxectoria de mais de 15 anos.
- 50% son cooperativas emerxentes (menos de 5 anos).
- 6% son cooperativas consolidadas (máis de 11 anos).
- 17% están en fase de maduración (5-10 anos).
Esta distribución mostra a capacidade do programa para responder tanto ás necesidades de consolidación de proxectos novos como ás demandas de renovación de cooperativas xa establecidas.
Resultados por áreas de especialización
A experiencia acumulada por EspazoCoop permitiu identificar as áreas críticas nas que se centrou o asesoramento:
- Asesoramento societario (32%): actualización de estatutos, reorganización de órganos de goberno e resolución de conflitos internos.
- Desenvolvemento comercial (25%): estratexias de mercado, mellora da oferta produtiva e captación de clientes.
- Xestión económico-financeira (10%): planificación financeira, control de custos e optimización da tesourería. Acceso a financiamento bancario.
- Incorporación de socias (17%): ampliación da base social cooperativa.
Ademais do acompañamento individual, EspazoCoop puxo en marcha un programa formativo de 20 horas en modalidade virtual, orientado ás necesidades de xestión das cooperativas. Este esforzo completouse coa elaboración dun recurso audiovisual que documenta as mellores prácticas identificadas durante a edición. Desde EspazoCoop destacan que CONSOLIDA+ é parte do seu compromiso histórico co fortalecemento da economía social galega. “Este programa demostrou unha vez máis que o acompañamento técnico especializado é fundamental para garantir a viabilidade das cooperativas no actual contexto económico”, sinalan desde a Unión.
O éxito desta edición confirma a importancia de manter este tipo de iniciativas que, coa colaboración institucional da Xunta de Galicia, contribúen á xeración de emprego estable e ao desenvolvemento territorial equilibrado a través do modelo cooperativo.
*Foto: Peche da xornada por Marta Mariño, Directora xeral de traballo autónomo e economía social, e Claudia Rodríguez, membro do Consello Reitor de EspazoCoop
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.
Leave A Comment