EspazoCoop e Pont Up Store impulsan o cooperativismo como alternativa empresarial sostible
A Xornada do programa “EspazoCoop Emprende: impulso ao cooperativismo en Galicia” reúne a emprendedores, profesionais e cidadanía interesada no modelo cooperativo
A Unión de Cooperativas EspazoCoop, en colaboración coa Asociación Pont Up Store, celebrou este venres no Teatro Principal de Pontevedra a xornada “EspazoCoop Emprende: impulso ao cooperativismo en Galicia”, unha iniciativa que ten como obxectivo promover o modelo cooperativo como fórmula empresarial viable, sostible e competitiva.
O acto foi inaugurado ás 10:00 horas por Anabel Gulías, Concelleira de Promoción Económica do Concello de Pontevedra, Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, e Pedro Figueroa, Presidente da Asociación Pont Up Store, quen destacaron o papel fundamental do cooperativismo no desenvolvemento socioeconómico de Galicia.
Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop destacou que “esta xornada confirma o crecente interese polo modelo cooperativo entre a cidadanía galega, especialmente entre os máis novos, que ven nas cooperativas unha forma de emprender con impacto social positivo e respeto polos principios da economía social“.
Cooperativismo e innovación, claves do futuro empresarial
Durante a xornada celebrouse unha mesa de debate titulada “Cooperativismo e Innovación: unha aposta para o futuro”, na que se presentaron experiencias de cooperativas en diferentes fases de desenvolvemento, demostrando a versatilidade e capacidade de adaptación deste modelo empresarial aos retos actuais.
Os asistentes puideron participar en obradoiros prácticos sobre constitución de cooperativas, modelos de negocio e alternativas de financiamento, así como coñecer casos de éxito e exemplos de emprendementos cooperativos innovadores que están a marcar tendencia no panorama empresarial galego.
Compromiso coa economía social
A xornada, dirixida a persoas con proxectos emprendedores, profesionais, mocidade e cidadanía en xeral, púxo de manifesto as oportunidades que ofrece o cooperativismo dentro do marco da economía social e solidaria.
O programa concluíu cun percorrido polos stands do Pont Up Store, onde os participantes puideron establecer contactos e explorar novas oportunidades de colaboración e emprendemento.
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.
Leave A Comment