EspazoCoop celebra unha Asemblea Xeral Extraordinaria para tratar o Plan Operativo Anual coas súas socias

Participaron máis de 25 cooperativas socias da Unión, quenes traballaron nas súas propostas e achegas nas liñas estratéxicas e actuacións para o exercicio 2023

EspazoCoop, Unión de Cooperativas de Galicia, celebrou o pasado venres 3 de febreiro na Fundación Paideia unha Asemblea Xeral Extraordinaria na que tratar coas súas cooperativas socias o seu Plan Operativo Anual.

En total participaron 26 cooperativas, quen escoitaron as liñas estratéxicas e actuacións propostas polo Consello Reitor de EspazoCoop para este exercicio 2023. A continuación, as entidades asistentes achegaron as súas propostas para este plan de traballo, xa que, tal como comentou Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, “para a Unión é fundamental que as súas cooperativas socias sexan protagonistas e participantes neste documento estratéxico tan importante, que define os plans, actuacións e liñas a seguir para este ano. De aí esta convocatoria xeral a principios de ano, para ter marxe de tempo suficiente para poder levalo a cabo contando coa voz de todas as nosas socias. Entre os valores cooperativos que rexen nas nosas entidades cooperativas atópanse a democracia, a equidade ou a igualdade, polo que este Plan Operativo Anual ten que estar desenvolto entre todas”.

Principais liñas de actuación para 2023

As cooperativas asistentes traballaron en grupo e puxeron en común as liñas de actuación de EspazoCoop, a través da formación de tres grupos de traballo sobre estas temáticas:

  • Emprendemento
  • Consolidación
  • Sectoriais

Cada un destes grupos realizou propostas para 2023 a nivel institucional, servizos e produtos, intercooperación, e visibilización e comunicación. Os resultados do traballo grupal servirán para determinar as liñas para 2023.

Mellora do sistema organizativo da estrutura técnica de EspazoCoop

Unha vez tratadas as liñas de actuación para este exercicio, desenvolveuse un proceso de análise e avaliación do sistema organizativo de EspazoCoop guiadas pola cooperativa Etcèteres co obxectivo de mellorar a estrutura técnica da entidade.

O papel da Asamblea Xeral

A Asemblea Xeral de EspazoCoop, constituída validamente, é a reunión dos representantes de cada unha das cooperativas asociadas para deliberar sobre a política xeral da Unión (…) É, polo tanto, o órgano supremo de expresión da vontade social. O acordos da Asemblea Xeral, obrigan a todas as cooperativas asociadas, incluídas as disidentes e as que non participaran na reunión.