Ugacota, Ucetag, e Sinerxia, decidiron por unanimidade a fusión das 3 entidades na Asemblea que celebraron o sábado 5 de novembro e na que participaron as cooperativas de traballo, de ensino e de consumo asociadas.  É o paso final dun proceso que leva tempo configurándose internamente nestas organizacións, froito tanto das estreitas relacións de colaboración que manteñen, como dunha visión estratéxica ou mesmo da coherencia cos valores e principios do cooperativismo e a intercooperación, sinal de identidade da economía cooperativa.

Celso Gándara, o Presidente da nova organización (que se denominará Unión de Cooperativas Espazocoop), amosou a súa gran satisfacción por este paso que está cheo de novos retos de futuro para poñer en valor, impulsar e consolidar o sector cooperativo en Galicia. Trátase dunha nova unión que conta cunha base social rica e diversa, con medios e recursos, e con equipos especializados e comprometidos co movemento cooperativo e da economía social.

A nova unión Espazocoop terá un ámbito galego e un carácter multiclase e multisectorial, e xa representa e supón de partida:

  • 181 Cooperativas (152 cooperativas de traballo asociado, 28 cooperativas de ensino, 1 cooperativa de consumo)
  • 1.690 empregos (entre socias/os traballadores/as e contratos)
  • 1.120 Socios/as traballadores/as – 340 Socios/as consumidores/as
  • 570 Traballadores/as (persoas contratadas)
  • 45 Millóns € de Facturación

Nace chea de diversidade cooperativa en canto a tipoloxías, tamaños ou sectores de actividade.

Na Asemblea de socias ademais de aprobarse o proxecto de fusión, tamén foi aprobado o proxecto de estatutos e máis a candidatura das persoas que formarán o novo consello, quedando como segue a súa composición:

Presidente: Celso Gándara Carnero (de Algalia s. coop. galega)

Vicepresidente: Alfonso Fernández Rodríguez (de Colexio Possumus s. coop. galega)

Secretario: Domenico Tinelli (de MedAtlantia consultoría europea s. coop. galega)

Vogal 1ª: Ana Otero Fernández (de Colexio Guillelme Brown s. coop. galega)

Vogal 2ª: Ana Olveira Blanco (de 7H cooperativa cultural s. coop. galega)

Un consello disposto a facilitar aínda máis a participación da base social nas distintas tomas de decisións e en especial na planificación anual da organización. Os cargos terán un límite de dous mandatos coa clara intención de favorecer a rotación e o cambio nos cargos representativos.

Tamén no espazo da Asemblea foi presentado o Proxecto Estratéxico 2016-2020 e a estrutura organizativa para a nova unión, que foron aprobados, con novos servizos, novos obxetivos estratéxicos e novidades organizativas. Así destacamos e adiantamos en canto aos obxetivos estratéxicos prioritarios:

1.- Visibilizar o cooperativismo, incrementar a súa incidencia política, e promover as relacións entre cooperativas.

2.- Construír unha unión de cooperativas sostible e eficiente.

3.- Consolidación do asesoramento a grupos promotores e fortalecemento dos servizos para as cooperativas socias.

Estas prioridades xa teñen á súa vez definidas as estratexias e un camiño a seguir para ser desenvolvidas a partir de agora.

A razón de ser da fusión ven sustentada en gañar capacidade de representación e gañar en eficiencia no aproveitamento de recursos e no desenvolvemento dos fins das asociacións que a promoveron, e que participan deste proceso, converténdose na maior entidade representativa do cooperativismo galego, por número de cooperativas asociadas, para actuar como interlocutor do colectivo, representando e defendendo os intereses do sector, promovendo a intercooperación entre cooperativas e con outras organizacións da economía social, fomentando un cooperativismo de calidade.

Trátase dunha evolución lóxica tras comprobar durante anos que había unha coincidencia na maneira de entender e traballar a prol do cooperativismo. Produto dilo vense desenvolvendo nos últimos anos unha acción conxunta, que se concreta na planificación coordinada de actividades, na posición consensuada diante da Administración e na coordinación respecto da política de persoal.

Entre os aspectos e requisitos que fan posible a fusión das entidades, está o compartir obxetivos comúns, manter relacións de confianza ou mesmo ter un coñecemento mutuo das asociacións que se integran.

O proceso de fusión conlevou á súa vez un proceso informativo e consultivo (aberto e participativo) ás cooperativas asociadas das tres entidades, no que se foron traballando, debatendo e consultando distintos ámbitos de interese ao redor da fusión: a visión, misión e principios, estatutos sociais, composición do novo consello, proxecto estratéxico 2016-2020, ou a estrutura técnica e organizativa.

Efectos da aprobació da fusión: 

A fusión da Federación de Empresas Cooperativas Sinerxia, a Unión de Cooperativas de Traballo Asociado Ugacota e a Unión Galega de Cooperativas de Ensino de Traballo Asociado (Ucetag) leva á creación dunha nova Unión de cooperativas, quedando as fusionadas disoltas.

O obxecto xeral da Unión será a defensa dos intereses socioeconómicos das cooperativas asociadas, xunto coa promoción de todo canto contribúa a fomentar o prestixio da mesma, a unificación de políticas e de criterios, a harmonía e o espírito societario e a mellora do nivel profesional e humano.

– Representación e defensa dos intereses do cooperativismo

– Promoción e fomento do cooperativismo

– Promoción e fomento da intercooperación empresarial

– Prestar servizos de asesoramento, xestión e formación

A presentación de Espazocoop, está prevista para o primeiro trimestre do ano 2017.