A cooperativa Culturactiva a través do seu colectivo Pallasos en Rebeldía organiza este domingo, 31 de maio, unha gala artística , co gallo da chegada do “Marianne”, barco que se unirá no Mediterráneo á Flotilla da Liberdade no seu Rumbo a Gaza.

A gala será na Praza Massó da localidade pontevedresa de Bueu en apoio á Flotilla da Liberdade, a expedición marítima que, unha vez máis, tentará romper o bloqueo inhumano e ilegal que sofren os 1,7 millóns de persoas palestinas residentes na Franxa de Gaza.

O acto celébrase con motivo da chegada á ría de Pontevedra o sábado 30 ás 12:00 horas do pesqueiro Marianne de Gothengurg, o primeiro barco da Terceira Flotilla da Liberdade que empezou a navegar rumbo a Gaza.

A festa popular, que conta coa colaboración de BDS Galiza, o Concello de Bueu e Culturactiva SCG, comezará ás 13.00 horas do domingo coa actuación do clown Peter Punk. A partir das 20.00 horas o espectáculo continuará coas actuacións musicais de Uxía e Narf, a Banda de Gaitas Manxadoira, Najla Shami e Pandeiromus; a intervención da escritora bueueira Lucía Novas; e o humor de Nabiza Girl e Circo Chosco. Haberá pasarrúas dende as 19:00 horas co grupo Ameaça de Bombo.

 

Ademais, o sábado, tras a chegada do Marianne, producirase una recepción no Concello de Bueu e poderán facerse visitas ao barco. A continuación terá lugar unha proxección e unha charla co título de “Todos a bordo. Testemuñas do ataque ao Mavi Marmara”, con motivo do quinto aniversario do asalto a esta embarcación, no que a armada israelí asasinou a dez activistas e feriu a máis de cincuenta. Na charla intervirán os activistas Laura Arau, Kevin Neish e Joel Opperdoes.

O Marianne continuará coa súa ruta cara Gaza e seguirán realizándose actividades de apoio á iniciativa ao longo das próximas semanas. Os días 11 e 12 de xuño terán lugar en Madrid e Barcelona, respectivamente, dúas galas de apoio á III Flotilla da Liberdade, organizadas polo colectivo Pallasos en Rebeldía e nas que participarán Juan Diego Botto, Leo Bassi, Pepe Viyuela ou Mr. Kilombo, entre outros. Desta forma, Rumbo a Gaza segue apostando pola cultura como canle de denuncia das atrocidades que Israel comete sobre a poboación palestina así como de recadación de fondos económicos.

A organización xa recadou máis de 12 mil euros que foron achegados a través dunha campaña de micromecenazgo.

Nova da: Web Culturactiva