Convenio de colaboración entre o Concello de Porto do Son e EspazoCoop
José Luis Oujo Pouso, Alcalde de Porto do Son, e Ana Olveira, Presidenta da Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop, asinaron un convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades co obxectivo de fomentar o cooperativismo e a economía social, e apoiar iniciativas e actuacións dirixidas ao fomento do autoemprego e á creación de cooperativas.
Este convenio, asinado o 4 de Maio, terá un ano de duración e ten por obxecto a promoción do cooperativismo, da economía social e do fomento do emprego, nos ámbitos de actuación de ambas entidades. Segundo Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop “agradecemos ao Concello de Porto do Son a súa implicación na promoción do cooperativismo e a economía social, é moi importante que as administracións públicas teñan sensibilidade cara fórmulas empresariais que presentan un valor social en conxunción coa economía”. Pola súa banda, José Luis Oujo Pouso, Alcalde de Porto do Son, agradeceu a EspazoCoop a súa colaboración na posta en marcha deste convenio que se concretará en melloras para a cidadanía do concello.
Grazas a este convenio desenvolveranse actividades de información, asesoramento e formación encamiñadas á mellora da cualificación profesional e empresarial daquelas persoas que opten por autoempregarse a través dun proxecto empresarial baixo a fórmula de Cooperativa de traballo.
Ademais, realizaranse charlas informativas sobre o Cooperativismo en particular e a Economía Social en xeral, para amosar ás persoas destinatarias aqueles coñecementos concretos e necesarios sobre a constitución, funcionamento e organización deste tipo de empresas.
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxetivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.